As curtametraxes e os documentais son os únicos xéneros que non contan con achegas para poder realizarse

Difícil, pero non imposible

Non todas as producións audiovisuais reciben subvención. Pero hainas. Son escasas e confinadas a curtametraxes e documentais, unhas veces por mor dos momentos nos que abren os prazos para as achegas e outros polas circunstancias da propia produción. Falamos coas produtoras para coñecer a súa relación cos cartos públicos.

Hai axudas a guión, desenvolvemento, produción, estrea, asistencia a festivais… unhas subvencións públicas que parten da Consellaría de Cultura e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual por parte da Xunta de Galicia. Pero tamén do Instituto das Artes e da Cinematografía (ICAA), do programa MEDIA da Unión Europea, do programa Eurimages do Consello de Europa, do fondo iberoamerico Ibermedia…Por non falar doutras administracións locais e autonómicas no caso de que os traballos audiovisuais sexan coproducións. As vías de financiamento público dunha produción audiovisual son numerosas e con tantas liñas de axudas para un produto que pasa anos desde que se pensa ata que se fai, é moi estraño que exista algún que non conte con subvención.

Sen ningunha vía
O departamento de prensa de Voz Audiovisual asegura que de todas as producións que contan no seu haber só hai unha que non recibiu ningunha achega económica: “E todo o demais tamén”. Un curioso documental rodado en Bos Aires con músicos españois e arxentinos como Pereza, Quique González ou Deluxe. Canda esta hai outras producións, pero sempre co denominador común de ser documentais ou curtametraxes. Javi Camino director da Consulta do dr. Natalio (curta sen ningún tipo de achega) asegura que “foi un traballo moi barato, rodado en dixital, con actores sacados da miña casa que rondaba os 60 euros por iso non solicitei subvención”. Sen embargo, Camino acaba de rodar a súa primeira longametraxe “Maldito Bastardo” que ata o momento non contou con ningunha achega económica por parte de ningunha administración. “A día de hoxe o orzamento de 3.000 euros da produción, asumiuno eu con capital propio, pero iso é porque os actores aínda non cobraron e aínda quedan moitas cousas por pagar” asegura o seu director Javi Camino, que leva dous anos inmerso na produción deste traballo e asegura que se presentará ás axudas desta edición.

Desde a produtora IB Cinema contan que traballos como o documental “Pensando en Soledad” e a curtametraxe “JEDN” non contaron con achega económica. “Producións que si se presentaron ás correspondentes achegas pero que non tiñeron ningún tipo de axuda por motivos varios” asegura Xosé Zapata.

O complicado fío das subvencións
Desde produtoras como Filmanova ou Vaca Films aseguran que non teñen producións de cine que, dunha ou doutra administración, non contasen con axudas públicas. Sen embargo, representantes de ambas empresas matizan as súas respostas. Desde o departamento de prensa de Filmanova aclaran que “isto no tocante ao cine, no caso de televisión a situación é ben diferente”. A práctica totalidade das producións para a pequena pantalla que fai a produtora que dirixe Antón Reixa son por encarga. “Aínda que a TVG é un medio público, non se pode considerar axudas senón vendas” aseguran desde a produtora. Da outra banda, Borja Pena, produtor de Vaca Films xunto con Enma Lustres, que asegura que contan con producións que recibiron achegas de diferentes administracións pero non da galega. “Dunha banda está “A Zona” unha longametraxe ten de Ibermedia, ICAA e Cidecine (México) e, doutra banda, está “Déjate caer” unha longametraxe que ten achega de ICAA, da Xunta de Andalucía, aínda que tamén participa a TVG na compra de dereitos” explica este produtor.

Polo demais, Borja tamén explica que existen circunstancias alleas ao propio proceso de desenvolvemento que fai que haxa producións que non reciben achegas. “As axudas da Xunta son anuais e contan cun só prazo en todo o ano. Isto non permite presentar todo o que fas porque tes que amoldarte aos momentos da convocatoria. Logo hai uns topes de produtora (este ano 3 proxectos por empresa) e tes que seleccionar o que presentas e outro por interese. E nuns proxectos temos máis intereses que noutros” explica Borja Pena.

Neste último sentido, hai tamén exemplos de producións audiovisuais que non recibiron axudas á produción nunha edición pero si no ano seguinte, como é o caso de “O agasallo de Silvia” e outras producións que, malia ter lingua de rodaxe en galego (era o caso da película para televisión “Sara”, non recibiron ningún tipo de axuda.

Un caso peculiar
No caso das coproducións auméntanse as vías de financiamento porque son máis empresas a conseguir os cartos para poder realizar a produción, tanto públicas como privadas. Pero en Galicia existe un fito na produción audiovisual que é o caso de “O menor dos males”; produción de Voz Audiovisual que chegará ás carteleiras en setembro. No caso atípico desta produción onde a veterá produtora asume o custe total da produción (2.5 millóns de euros). A súa foi unha decisión de partida, de partir con capital propio e compartir o risco solicitando axudas ás diferentes administracións. De momento, contan con dúas subvencións: unha da consellaría de Cultura (por importe de 300.000 euros) e outra do ICAA. O director de produción deste traballo, Alfonso Blanco asegura que “foi unha decisión arriscada e consciente pero adoptouse tendo en conta dous parámetros: a traxectoria de vídeo Voz que nos permitía enfrontarnos con este proxecto e, doutra banda, que queriamos ter o control total e do proxecto”. Ademais, xa teñen vendidos os dereitos de emisión da produción a TVE. Alfonso recoñece que, se funciona, esta será unha liña a seguir pola produtora de cara a futuros proxectos. “O resultado do despacho de billetes e as vendas internacionais serán determinantes para determinar se é a liña a seguir” asegura Alfonso.

En todo caso, con independencia de se é unha produción de capital propio, coprodución ou produción asociada, no plan de financiamento as empresas contan con cartos do erario público para a realización do proxecto en calquera das diferentes fases coas que conta este proxecto. Unha vía que, segundo marca a lexislación competente en materia de audiovisual non poderá superar nunca o 50% do orzamento total da produción.