Os editores galegos son contrarios á fusión das súas empresas

Xuntos mais non revoltos

Fabiola Sotelo, presidenta da Asociación Galega de Editores, sinalou onte, nunha entrevista á Televisión de Galicia, que as empresas do libro galego están a tentar agruparse en materias de distribución e comcercialización. Sen embargo, Sotelo negou a posibilidade de que varias editorias galegas se unan nunha soa empresa, sinalando que as existentes "non son demasiadas".

Acordos puntuais



A presidenta da Asociación Galega de Editores e directora da editorial Sotelo Blanco, Fabiola Sotelo, sinalou onte nunha entrevista á Televisión de Galicia que non existe ningún proxecto de fusión entre editoriais galegas.
Segundo ela, na actualidade existe "moi bo ambiente" entre as editoriais" para traballar conxuntamente, "xa que están comprobando as dificultades para que o que publican chegue e se dea a coñecer en tódolos sitios". De calquera xeito, esta colaboración está a darse fundamentalmente nos eidos de distribución e comercialización, eidos nos que xa existen acordos puntuais entre varias empresas.
Así, está en marcha un acordo entre as editoriais Sotelo Blanco, A Nosa Terra e Baía para distribuir conxuntamente a súa producción, e nun comezo estaba previsto que nunha segunda fase editasen conxuntamente libros de texto e conformasen un novo selo editorial.
Nas súas declaracións de onte Fabiola Sotelo rexeitou a necesidade dunha fusión entre editoriais galegas sinalando que non existen demasiadas editoriais no país e que unha fusión diminuiría a "variedade de contidos".












Poucos lectores



Segundo Fabiola Sotelo, en Galicia o problema das editorias en Galicia "non é que existan moitas ou que se publique de máis" xa que "nunha é demasiado". O problema para Sotelo é pola contra o baixo índice de lectura que se dá no país, aínda que amosou a súa esperanza de recuperación no número de lectores. Neste sentido subliñou a importancia do ensino no sector editorial, xa que supón un sector fixo de lectores moi importante.