Vila Nova abre o museo da casa natal de Valle-Inclán a finais de maio

Valle na Vila

"Museo dos escritores do Salnés. Casa natal de Ramón del Valle-Inclán" é o nome do centro que inaugurará o vindeiro día vintecinco de maio o Concello de Vilanova de Arousa na Casa do Cadrante. Este museo pretende reproducir o ambiente no que pasou Valle os primeiros anos da súa vida e achegar ó visitante todo tipo de documentación, fotografía e obras relacionados con este escritor. Ademais, habilitarase unha sala dedicada a outros escritores orixinarios do Salnés. Este é o segundo museo que se lle dedica a Valle en Galicia onda o que hai xa vinte anos puxo en marcha o Concello da Pobra do Caramiñal.


A casa dun neno


A Casa do Cadrante de Vila Nova, onde supostamente naceu Valle-Inclán amosará a súa nova cara o vindeiro día vintecinco cando abra as portas coma Museo Valle-Inclán. A casa vén de rematar a súa restauración logo de que hai varios anos fose danada por un incendio cando estaba abandonada.
A restauración tentou recuperar o aspecto que tería a casa a mediados do século XIX, durante a infancia de Valle-Inclán. Dormitorios, esritorios e sala de estar reproduciran o estilo da época, e a cociña recuperará a súa antiga lareira. Tamén o xardín, de estilo modernista recuperará o seu antigo esplendor, incluíndo zonas de lectura e espacios axeitados para representacións teatrais ou musicais.












O museo dun escritor

No baixo, a Casa do Cadrante acolle unha mostra permanente sobre a vida do escritor na que se poderán ver primeiras edicións das súas obras, facsímiles de cartas e de documentos persoais e artigos de Valle-Inclán. Nun futuro agárdase que se vaian incluíndo documentos autógrafos do autor, segundo snala Ana Santórum, coordenadora do Gabinete de Promoción do Concello de Vilanova.
Na mostra amosarase tamén o vencellamento do escritor coa comarca do Salnés e diferentes fotografías de Valle. Pola súa banda, a biblioteca acollerá as obras completas do homenaxeado e unha extensa bibliografía sobre o mesmo
Unha das salas da casa estará dedicada a outros escritores da zona como son os irmáns Julio e Francisco Camba, Ramón Cabanillas, Aquilino Iglesia Albariño ou Fermín Bouza Brey.
O museo poderá visitarse a partir do día vinteseis en horario de mañaá e de tarde, pagando tres euros pola entrada.