Celia Armas trae á luz as escritoras galegas coetáneas de Rosalía

Elas tamén escribiron

"As mulleres escritoras 1860-1870" é o título do libro no que Celia María Armas recupera os nomes de vinte escritoras que desenvolvían o seu labor canda Rosalía. O ensaio amosa coma os traballos destas escritoras estaban maioritariamente en castelán e tratando temas moi afastados do feminismo e do galeguismo da poeta.

Ollando o contexto



O ensaio "As mulleres escritoras 1860-1870" é o resultado de tres anos de investigación que Celia María Armas realizou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago baixo a dirección de Elías Torres.
Armas analizou a situación das mulleres escritoras na época da publicación de "Cantares Gallegos" (1863) partindo das teorías dos Polisistemas e do Campo Literario, que amplían a visión do sistema literario fóra da lingua en que se escribe e que teñen en conta outros factores coma o contacto entre autores e as influencias mútuas entre moitos outros.
Segundo a autora, o período escolleito pretende ver como se producía o achegamento das mulleres á literatura no mesmo intre en que o idioma galego comezaba a recuperar presencia nas librerías e determinar se o caso de Rosalía era extraordinario.











A excepción de Rosalía


No ensaio que se presentou onte na librería Pedreira de Santiago, Armas destaca a singularidade de Rosalía con respecto ás súas coetáneas.
Logo de analizar artigos e colaboracións feitas por mulleres en máis de cen publicacións da época, a autora sinala a tendencia das mulleres da época a escribir en castelán e a tratar temas considerados tradicionalmente femininos. Así, a poesía costumista e intimista, o ensaio sobre a moralidade, a relixión ou a descripción de costumes do fogar son os temas máis comunmente tratados polas escritoras galegas da época.
Fronte a elas, Armas salienta o compromiso de Rosalía coa lingua e coa terra, así coma a súa combatividade con respecto á situación da muller, como reflicte no seu texto "Las literatas", onde critica as posicións das súas contemporáneas no mundo das letras.
A autora de "As mulleres escritoras" sinala que, á vista das súas investigacións, a influencia de Rosalía nas súas compañeiras de letras foi practicamente nula, véndose recoñecido o seu labor con posterioridade.




Vinte novos nomes


O estudio de Celia Armas revela, de calquera xeito, a implicación dalgunhas escritoras co país. Así, recolleu un poema de Emilia Portal no que esta escritora denuncia a situación do noso país. Outras autoras de producción destacada, sobre todo a nivel ensaístico, son Emilia Calé e Virginia Felicia Auber. Outros nomes recuperados para o sistema literario galego do século XIX, aínda que escribindo en castelán, foron Francisca Torres, Elvira Luna, Manuela Cambronero, Jovita Goyanes, Carolina Coronado, Narcisa Pérez Reoyo, Constancia Verea, Micaela López de Riestra, Julia Suárez ou a propia Emilia Pardo Bazán, que tamén colaboraba nos medios galegos da época.