A Fundación Premios da Crítica entrega os galardóns no seu 25 aniversario

Crítica despois de Casares

Dous feitos planaban no aire no Teatro Caixanova de Vigo. Escritores e literatos estaban reunidos para entregar os premios da Crítica ós profesores universitarios Narciso de Gabriel e Olivia Rodríguez, o artista Leopoldo Nóvoa, o gaiteiro Henrique Otero, o poeta Manuel maría e os pobos do Couto Mixto. E no ambiente estaba o recente pasamento de Casares e os vintecinco anos deste galardón que xurdeu para normalizar a lingua galega. E a fin de semana tamén deixou máis premios e tamén literarios, os "Lecturas" de literatura infantil e xuvenil da Asociación Agálix e os premios Minerva.

25 anos de crítica



A Fundación premios da crítica de Galicia cumpre 25 anos, mantendo o seu espírito inicial de buscar un territorio común de encontro entre as distintas ideoloxías a través dun premio sen contía económica. E aínda que segue fiel ó seu vello ideario e ó seu vello estilo, inicia unha nova etapa cun novo logotipo, novo escenario e cunha fórmula renovada na estética (un acto literario dentro do acto de entrega dos galardóns). E é que cumprir un cuarto de século sendo fiel á normalización da cultura en Galicia debía de ter unha significación especial. E tívoa, pero por outro motivo, o recente pasamento do escritor e presidente do Consello da Cultura Galega, estivo presente en toda a cerimonia. E entre outras cousas, porque se lle entregaba a súa familia, a título póstumo, o galardón de "Galego Egrexio". E todo isto foi nunha cerimonia que premiou as Iniciativas Culturais das aldeas Rubiás e Meaus en Santiago, e ós concellos de Ourense de Baltar e Calvos de Randín. Un galardón que chegará pola recuperación da súa memorias histórica como parte do espacio xeográfico e cultural.
O premio de investigación foi para a obra de Narciso de Gabriel "Escolantes e escolas de ferrado" pola novidade do seu tema. "Estética e teoría da cultura en Vicente Risco" de Olivia Rodríguez obtivo o premio de Ensaio e Pensamento. No apartado de Ciencias e as Artes de Representación foi para o pontevedrés Leopoldo Nóvoa pola "coherencia da súa traxectoria artística, a transgresión da súa obra e pola súa traxectoria internacional".
Nas artes musicais resultou premiada a obra do vigués Henrique Otero, o mesmo que en 1971 iniciou a institucionalización da gaita no Conservatorio.
E por último, no que atende á creación literaria, foi galardoado Manuel María pola súa "Obra completa".












Premio lecturas


A Feira do Libro despedíuse de Compostela entregando premios. Pero uns galardóns que tiveron un xurado excepcional uns mil trescentos nenos e adolescentes de 2 a 17 anos. Son os premios "Lecturas" que convoca a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Os premios recaeron "Os bolechas van á praia" de Pepe Carreiro (ata os 7 anos); "Anamarciana" de Alberto Varela (por nenos de 8 a 10 anos); "Quero que veñan meus pais" de Concha Blanco foi elexida por nenos de 11 a 14 anos. E para os escolares máis maiores, a partires de 14 anos, o seu libro preferido por "As cousas claras" de Xosé Antonio Neira Cruz. Os gañadores que se achegaron a recibir os seus premios (agás Neira Cruz que estaba de viaxe) recibiron da man da presidenta de Gálix, Blanca Ana Roig, unha estatuíña e un pin de prata co gnomo, símbolo da asociación.




Premios Minerva

O vindeiro 23 de maio entregaranse os premios literario Minerva que se fallaron esta fin de semana. E os gañadores foron en narrativa e poesía, respectivamente para Bianca Cid Bouzas e Davida Souto Alcalde. O segundo e o terceiro premiados en narración son Lidia López Teijeiro e Fátima Peón Torres, e en poesía Noel Blanco Mourelle e Emilio González Pérez.