Francis Pisani e Víctor Freixanes conversan sobre a nova forma de organización social que propón a rede

Un futuro para a rede

A aparición de internet supuxo un revulsivo en moitos ámbitos. Pero foi no eido social onde se xestaron os cambios máis radicais. Francis Pisani, sociólogo e experto en novas tecnoloxías, e Víctor Freixanes, escritor e director da Editorial Galaxia, conversaron no marco do Cultur.gal sobre a nova forma de organización, sobre o coñecemento colectivo e a nova orde cultural que achega a rede.


Naceu en París en 1942 pero viviu en Francia, Xapón, Cuba, México ata fixar a súa residencia actualmente en San Farncisco (Estados Unidos). Por toda esa traxectoria vital, Francis Pisani di que é “estranxeiro” cando lle preguntan pola súa nacionalidade. Francis Pisani é un dos periodistas más preparados en temas de Internet, do que escribe para “El País” e “Le Monde”. Estivo presente en aconteceres simbólicos da realidade política como a ofensiva del Tet en Saigón, o maio francés, a primavera de Praga e coñeceu Galicia mentres se desprazaba ata Portugal a cubrir para “Libération” a revolución dos cravos. Agora, volve a súa mirada e a súa capacidade de artellar pautas na dialéctica entre a tecnoloxía e a sociedade.

A caótica credibilidade
“Viva o caos” espétalle Francis Pisani a Víctor Freixanes cando este lle pregunta sobre a forma de controlar ou mediar as múltiples colaboracións en aras de conseguir unha maior credibilidade. Entran así nun dos principais eixes desta conversa, a credibilidade e a veracidade da rede. “Trátase dun dos puntos máis delicados da situación actual”, apunta Pisani que toma os blogs como referencia á hora de dar a coñecer o contexto actual. “Os blogs achegan información por unha parte, pero pola outra xa exercen unha acción de filtrado. O blog funciona como un filtro que pasa pola opinión e pola sensibilidade de quen o produce. O que me resulta máis interesante destas ferramentas colaborativas é a dimensión humana do blog e non a tecnolóxica”.

Os blogs son unhas das ferramentas que evidencian eses novos cambios sociais, pero non son máis que a punta do iceberg. “Hoxe en día non só se pode pensar en medios de comunicación e xornalistas” asegura Francis Pisani, que considera que agora hai dous novos actores: as fontes de información e os xornalistas. “No caso das fontes de información, asegura Pisani, está todo mediatizado e vou poñer un exemplo ilustrativo: coñezo un señor que asegura que algún dos conflictos bélicos actuais están a ser dirixidos polo Pentágono, que é quen marca o calendario. E para os que dubiden remítome ao que aconteceu na guerra de Irak. A segunda categoría é o público, o que eu chamo a ex-audiencia. Isto que tratei de dicir, é que dunha banda están as fontes de información que se canalizan polas vías oficiais, pero pola outra está o público, a comunidade que actúa en numerosas ocasións como un filtro. Eu leo cinco ou seis blogs que me interesan, aprendín a confiar neles e a validar a súa información. Agora, o papel do xornalista ten que aprender para pasar: de produtor de noticias a moderador” Dentro deste novo papel co que Freixanes coincide completamente, Pisani avoga por un cambio de función e papel por parte dos medios de comunicación tradicional. “No futuro, aventura, os medios de comunicación serán as plataformas, na que os xornalistas deberán mediar entre o público que acadará ca vez máis protagonismo”. Entraron así, noutro dos puntos interesantes do debate, a nova organización comunicativa na rede que evidencia outro tipo de coñecemento.

Coñecemento colectivo
“Penso que no universo actual non se satisfacer por recibir”, asegura Francis Pisani, quen debuxa un universo da rede moito máis activo no que os usuarios se converten en emisores da información De feito, Pisani asegura que a colectividade soubo entender moi ben as posibilidades de Internet como unha grande plataforma na que podes dar a coñecer a túa opinión. Así, coas opinións e comentarios de toda a xente, estase a crear unha nova orde económica a partir deste novo movemento social. “A xente entendeu que se pode aproveitar unha cualidade da rede, que se pode subir información, asegura Pisani, e isto comeza a traducirse en cifras económicas. O espazo Myspace foi vendido por 560 millóns de dólares, Youtube por 1.600 e ambos son sitios webs alimentados pola xente. Na web 2.0 onde se pode ler a xente e as opinións da xente. Convén que a xente participe e esa participación tradúcese en termos económicos”.

Para este xornalista hai unha forma de organización nova nos wikis e nos tags (etiquetas). “A wiki é unha forma de organización na que todos poden contribuír, un feito que resulta moi interesante e que se pode resumir na máxima de que a comunidade comenta e é a comunidade tamén controla”. Pisani considera que, lonxe do que se pensa, existen filtros, tanto técnicos como colaborativos nos que os propios usuarios poden censurar ou contribuír ao desenvolvemento. “Ademais, os niveis de produción de coñecemento son maiores que os orientadores, o que produce un enriquecemento continuado”.

Cuestion de etiquetas
Esta gran cantidade de información que as diferentes comunidades de internautas presentan na rede achega unha forma de organización e recuperación dos contidos. “Isto lévanos á folksomía e á taxonomía, que nada ten que ver cos sistemas de organizacións tradicionais coma os libros, que só se poden ler dunha maneira. Unha metáfora que serve para recoñecer a xerarquía tradicional é a dunha árbore que ten unha raíz e un tronco que se diversifica en numerosas ramas. Sen embargo, agora, a súa representación sería un conxunto de follas amoreadas polo chan. Pasamos dun sistema milenario de organización da cultura a outro completamente diferente e está a nos custar demasiado traballo de entender". Segundo Pisani “hai dúas imaxes ou dous exemplos que ofrecen dúas maneiras de buscar documentación na situación actual: dunha banda está google, que ofrece unha serie de resultados, e logo está del.ici.ous, onde buscas as notas dentro dunha selección xa feita pola xente a través de etiquetas e categorías, que non se teñen porque ser equivalentes”.

Os falsos mitos das open sources
Víctor Freixanes tamén puxo sobre a mesa as apostas interesantes a prol do software libre que se están a desenvolver en Brasil, en Estremadura e mesmo en Galicia. Un feito para o que Pisani considera que hai dous niveis de resposta. “No primeiro nivel temos que deixar de pensar neste tipo de software como incompatible co propietario e aprender a ver estas cousas desde o punto de vista da coexistencia. En segundo lugar, os xornalistas terán que aprender a falar cos pro-aficionados e non ver isto como algo negativo”. Segundo este francés afincado nos EEUU sempre haberá software propietario e software libre. “O software libre está a gañar terreo nalgunhas administracións e ten un aspecto positivo como a reducción de custes, asegura Pisani, pero o futuro non será gratuíto tal e como se está a apuntar desde algúns sitios. En todo caso, vai xogar un papel importante no ámbito dos negocios. O futuro leva escrito a etiqueta open source”.

A diferencia entre o uso, o acceso e a apropiación
Por ultimo, a propósito do software libre e levándoo a un ámbito social e cultural Francis Pisani analiza a relación entre tecnoloxía e sociedade. Neste contexto, o sociólogo francés diferencia tres maneiras de apropiarse da influencia do exterior. “A primeira é o barroco, onde vas adornando con cousas da túa propia colleita; a segunda é a crionización e a terceira é a antropofaxia onde absorbes ese elemento novo. E isto ten unha relación moi forte coa tecnoloxía”. Para el, un exemplo claro deste último estadio é o que se está a dar en Brasil co “tropicalismo” movemento fundado por Gilberto Gil e Caetano Veloso e escrito por Osvaldo de Andrade que asegura que a cultura latinoamericana ten que facer esto último. “Con Manuel Castells, asegura Pisani, estamos a facer un estudo coas formas de relacionarnos coas tecnoloxías, onde a idea é coñecer como se apropia a xente da tecnoloxía, que se desenvolve efectivamente nas ferramentas de código aberto”. Para el o importante é manter a diferencia entre acceso, uso e apropiación. “Aquí discútese moito sobre o acceso, asegura Francis Pisani, pero nada está feito co acceso. Para min o importante é a apropiación, é dicir, saber se alguén modificou ou fixo cambios da tecnoloxía para o seu traballo diario”. De feito, este sociólogo asegura que “esta é unha das batallas máis interesantes, a apropiación da tecnoloxía para a definición de cada unha das culturas”.

Foto: Teresa de la Hera