Nace a Asociación Ferrolterra de Amigos do Ferrocarril para difundir o tren

Nas vías da amizade

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

Logo de catro anos de xuntanzas, encontros, e discusións, vén de fundarse a Asociación Ferrolterra de Amigos do Ferrocarril na que participan ata o de agora vintetrés veciños da comarca. A intención desta asociación é difundir e promocionar o tren, dando a coñecer as peculiaridades deste medio de transporte.

Defensa e información

A nova asociación pretende fomentar a afección ó ferrocarril tanto desde un punto de vista lúdico coma informativo.Así, para o mes de outubro os Amigos do Ferrocarril organizarán unha conferencia sobre a intermodalidade dos medios de transporte en Ferrol. Entre os plans da nova entidade está tamén promocionar o tren como medio de transporte na comarca, nun intre en que a liña que liga esta cidade coa Coruña está a perder moitos dos seus usuarios.
O primeiro presidente desta nova entidade é Manuel de Río, a secretaría corresponde a Ramiro Lema e a vicepresidencia a Juan Vidal Cabadas. Os interesados en contactar coa asociación deben dirixirse á cafetería El Andén, na ferrolá Avenida de Compostela. As cotas para socios é dun euro para os adultos e medio para os menores.




O aspecto lúdico

Ademais da información sobre o tren, a Asociación de Amigos do Ferrocarril quere pór en marcha unha escola de maquetas para rapaces e rapazas de entre oito e dezaseis anos, para o que conta coa colaboración dunha asociación de veciños. O curso estaría estructurado en varios módulos de formación e ó rematarse animaríase ós participantes a realizar unha maqueta de grandes dimensións para expoñela publicamente.
Tamén está previsto realizar unha mostra con material ferroviario sobrante do levantamento de vías e obxectos aportados por antigos empregados de Renfe, como poden ser fotografías do tren que facía o percorrido Ferrol-Betanzos.
A asociación pretende crear, a máis longo prazo, unha biblioteca especializada e excursións a musos coma os de Monforte ou Padrón, así como fomentar a colaboración con asociacións semellantes, galegas e foráneas.



Que che parece esta nova?
30 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ferrolterra, Asociacións, Padrón, Betanzos...