A USC aproba a creación do Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade de Lugo

Estudiar a cidade

A xunta de goberno da Universidade de Santiago aprobou onte a creación do Centro de Estudios da Historia e Cultura da Cidade de Lugo, un centro multidisciplinar que pretende analizar os máis diversos aspectos desta cidade e favorecer a realización de estudios cunha temática máis ampla. Mentres, o Liceo de Ourense vén de recibir o premio do grupo Francisco de Moure polo seu traballo a prol da conservación do patrimonio.

Estudios locais

A creación do Centro de Estudios de Historia e Cultura da Cidade de Lugo foi aprobado por fin onte, día vintetrés, pola xunta de goberno da Universidade de Santiago. A creación deste centro aprobouse logo de que se reelaborase o proxecto que hai dous meses presentara o profesor Antonio Rodríguez Colmenero. A Xunta de Goberno rexeitara daquela o proxecto por considerar pouco amplas as liñas de investigación propostas.
O proxecto finalmente aprobado contempla a participación no centro de trinta doutores investigadores de distintas áreas. As áreas previstas son Literatura Española, Historia Antiga, Historia Medieval, Historia Moderna, Xeografía, Filoloxía Galega, Filoloxía Latina, Filoloxía Inglesa e Antropoloxía.
A facultade de Humanidades acollerá este centro de estudios, nun primeiro intre unicamente para cubrir necesidade administrativas e, nunha segunda fase albergando tamén un arquivo, unha sala de cartografía e un posible almacén de restos arqueolóxicos localizados na cidade.











Premio


O grupo Francisco de Moure outorgou o seu premio anual ó Liceo de Ourense o seu premio anual en recoñecemento á restauración, promoción e dedicación ó patrimonio da provincia. Ademais do labor desenvolvido a prol da difusión do patrimonio ourensán mediante a creación dunha sección de Arte e Historia o pasado ano, o Liceo tamén restaurou o propio edificio da institución. A entrega do premio realizarase o vindeiro venres e no acto rendirase homenaxe á recentemente falecida María Dolores Vilajato, profesora da Universidade de Santiago que será nomeada membro de honra do grjpo Francisco de Moure.