O Instituto de Estudios Torre de Hércules e o de Estudios Vigueses buscan local

Institutos e locais

Un quiosco rehabilitado será a sede desde a que o Instituto de Estudios Torre de Hércules realice as súas actividades e busque apoios entre a cidadanía para acadar que este monumento sexa declarado Patrimonio da Humanidade. Mentres, o Instituto de Estudios Vigueses ameaza con ocupar o local prometido polo Concello da sede da Universidade Popular da Cidade Olívica. O contrato de arrendamento do local que ocupa actualmente este centro remata o vindeiro trinta de xuño.

Estudios da Torre




O Concello da Coruña cederá o quiosco da Praza de Ourense desta cidade ó Instituto de Estudios Torre de Hércules, recentemente constituído. Esta plataforma realizará deste lugar todo o traballo de promoción e de colleita de apoios para impulsar a candidatura da Torre a Patrimonio da Humanidade e centralizará as xestións neste sentido. Aínda que será hoxe cando representantes da asociación de do Concello se reúnan, varios xornais da Coruña adiantan que se realizarán obras de acondicionamento externo no quiosco e que se lle retirarán os carteis publicitarios do teito. Estes medios tamén sinalan que a cesión ó Insituto non rematará ata que a UNESCO declare a Torre Patrimonio da Humanidade.
O quiosco estaba destinado a acoller unha oficina de información turística que se instalará finalmente nunha das terrazas acristaladas e María Pita.
O Instituto xa anunciou que entre o quince de xuño e a primeira semana de agosto convocará unha asemblea cidadá para buscar apoios entre cidadáns, empresas e institucións á súa proposta. A intencion desta plataforma é ter toda a documentación necesaria sobre a torre antes de abril do 2003 para que a UNESCO a inclúa na lista de monumentos patrimonio mundial que elaborará este ano.










Estudios de Vigo




O Instituto de Estudios Vigueses vén de solicitar ó Concello qu elle ceda inmediatamente un local no edificio da Universidade Popular ou que lle busque unhas instalacións máis axeitadas para este centro. O Concello acordar nun acordo plenario en 1994 ceder un local ó instituto nas instalación da Universidade Popular de xeito gratuíto e permanente, sen que ata o de agora se formalizase este acordo. Para onte, vinte de maio, estaba prevista unha xuntanza do presidente do Instituto, Gerardo Sacau, co alcalde da cidade, Lois Pérez Castrillo, que non se chegou a celebrar por "problemas da axenda", segundo a alcaldía. Para o vindeiro luns está prevista unha nova xuntanza, na que se buscará un acordo. Se non se acada un compromiso do concello para ceder un local, os membros do Instituto anunciaron a súa intención de entrar na Universidade Popular e ocupar o espacio prometido.
A Universidade Popular e o Concello tamén mantiveron contactos sobre a cesión deste espacio, sen que se producisen propostas concretas, segundo sinala Gerardo Sacau.
O instituto de Estudios Vigueses leva xa once anos de actividade durante os cales publicou sesenta obras sobre historia local, distribuidas por centros de ensino e bibliotecas públicas. Todos os investigadores que realizan o seu traballo neste centro fano de xeito gratuito, segundo sinala o seu director.