O último Día da Poesía, en culturagalega.org, decidimos ir dar un paseo por Compostela. Puxemos os abrigos e as botas por se chovía, apañamos as cámaras, e sumámonos ao percorrido artístico literario que percorría Compostela nese 21 de marzo en homenaxe a Rosalía de Castro, que faría en 2006 nada menos que 169 anos. Comparte con nós este paseo a través de videos e de fotografías.












A verdade é que perderamos a primeira convocatoria, o 24 de febreiro, data de nacemento da poeta. Tamén é certo que ó final a choiva obrigou a suspender o evento daquela, pero a Consellaría de Cultura non se desanimou e programou para o Día da Poesía un segundo intento. Desta volta animámonos e aló fomos, armados de cámara de fotografía e máis de vídeo, a celebrar e a recoller o evento.
Comba Campoy, coordinadora deste evento, explícanos como se artellou este paseo. "Foi unha iniciativa de Luís Bará, desde Dirección Xeral de Promoción Cultural. Tiña un especial interese en revitalizar a figura de Rosalía, achegala á xente e afastala un pouco dos tópicos de chorona e de santiña que tiña enriba", explica Comba.
Foi ela a que se encargou de todo o programa deste paseo. "Déronme total liberdade para celebrar o aniversario, e eu pensei en facer un acto algo máis de rúa que lle chegase a xente que non vai habitualmente a actos culturais. Tamén quixen resaltar moitas das ideas prefeministas e de reivindicación da muller que tiña Rosalía, e interesábame que participasen mulleres".
A idea de desenvolver esta actividade en Compostela veu polo grande vencello que tivo a escritora a este lugar. Coa colaboración de artistas de diferentes campos que desenvolven o seu traballo na cidade, fóronse buscando espazos significativos na vida da poetisa que, ao tempo, fosen susceptibles de acoller actuacións. Quedaron fóra, evidentemente, moitos espazos de grande importancia na biografía da poeta. "De facelo estritamente en todos os puntos destacados da vida de Rosalía teriamos que poñer un autobús, porque habería que comezar na casa natal, onde está actualmente a praza de Vigo", sinala Campoy.
De cara ao futuro barállase a posibilidade de repetir a experiencia ampliando o percorrido ou en ir trasladando a actividade por diferentes lugares do país. "Pódese tentar noutras cidades, ou en Padrón e en xeral na Comarca de Compostela, que deixou bastante pegada nos poemas de Rosalía. Tamén está Rianxo, Catoira, Carril, ou o mar en xeral, que era un elemento que tiña como algo moi importante", lembra a coordinadora do evento. A ver se para o ano facemos o paseo en barco.



