Unha ruta para pasear sobre a poesía de Xela

Susana Sánchez Aríns será guía e intérprete do "Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias" en Vigo

| Santiago. Redacción | Seccións: Día das Letras
Compartir:
Susana Sánchez Aríns conducirá esta ruta

Susana Sánchez Aríns conducirá esta ruta

A 'Poesía reunida (1982-2004)' de Xela Arias servirá coma base de guía para un roteiro polo parque do Castro de Vigo que terá máis de metafórico e imaxinario que de real ou histórico, con todo, este "Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias" conseguirá sen dúbida achegarse e coñecer máis a obra e visión da autora.

A tamén escritora Susana Sánchez Aríns exercerá de guía e intérprete das simboloxías e imaxes da obra de Xela Arias ao longo das nove paradas previstas neste percorrido polo parque. A proposta preséntase coma unha "versión fantasiosa das rutas biográficas", que esixe por parte dos asistentes "a capacidade de viaxar a outros lugares, xa que o espazo no que se desenvolve non deixa de ser unha metáfora doutros moitos".

A ruta terá lugar o vindeiro 31 de outubro de 11:00 a 13:00 horas. A través da web do evento podemos avanzar xa as interpretacións que fai Susana Sánchez Aríns fai para cada unha das paradas e as referencias da obra poética que vai relacionando. O percorrido rematará coa actuación musical de Pablo Vidal ao piano xunto a Clara Pino, interpretando composicións sobre a obra da escritora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. Tres poemas musicalizados que forman parte dun EP : "Nacín Soa", "Teremos terás" , "Non me conteño". Este evento está organizado desde a Deputación Provincial de Pontevedra no marco da celebración das Letras Galegas. As prazas son limitadas é resulta preciso facer reserva previa en participa.cultura@depo.es.

Que che parece esta nova?
78 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xela Arias, Poesía, Guía, Susana Sánchez Aríns...