O Centro Torrente Ballester de Ferrol ampliará as súas instalacións en febreiro

Cultura en obras

Novos espacios para a cultura están a desenvolverse por toda Galicia. O centro Torrente Ballester de Ferrol abrirá as súas novas instalacións o vindeiro mes. Mentres, a torre do Mariscal Pardo de Cela en Alfoz está a sufrir unha remodelación que a transformará nun centro cultural. Tamén en rehabilitación estará en breve o mosteiro de Ferreira de Pantón en Lugo, e mentres coñecemos a adxudicación das obras da Casa das Palabras de Vigo.


Torrente medra


O Centro Torrente Ballester ampliará o vindeiro mes as súas novas instalacións incorporando un centro de gravado, varias salas de exposicións e un museo municipal permanente.
A obra, cofinanciada pola Xunta e polo Concello, aproveita as instalacións do antigo Hospital de Caridade da cidade para dar novos espacios culturais á cidade. Así, nas novas salas de exposicións recollerase unha exposición permanente dos fondos artísticos que posúe o concello e que ata o de agora permanecían almacenados. Tamén se disporá de máis espacio para organizar diferentes mostras temporais.












Unha torre e un mosteiro


A torre do mariscal Pardo de Cela en Alfoz, datada no século XV, está a sufrir un proceso de rehabilitación interna que lle permitirá diferentes empregos culturais.
Así, está previsto que se instalen servicios, calefacción, fontanería e instalación eléctrica, acondicionando varias salas de exposicións e un mirador sobre o val. Está a barallarse asimesmo a creación dun museo etnográfico no lugar. Ademais, varios restos arqueolóxicos localizados durante as obras quedarán á vista e despexados para futuras escavacións. Está previsto que as obras rematen nun prazo de tres meses.
Tamén en Lugo o mosteiro de Ferreira de Pantón será rehabilitado logo de que a Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Educación asignase 224.482 euros par realizar esta obra.












Orzamento para as palabras

A constructora Necso será finalmente a encargada de realizar o proxecto de César Portela para a Casa das Palabras de Vigo.
Este edificio deberá está rematado dentro de dezaseis meses, e cun orzamento de 9,35 millóns de euros e contará cun amplo aparcadoiro, espacios de exposicións e un salón de actos entre outras instalacións, totalizando 13.550 metros cadrados contando cos xardíns circundantes.