Moitas poboacións de Galicia conservan a figura do Cronista, un erudito que investiga a historia e que recolle os feitos máis destacados da actualidade

Escribir a Historia de cada día

Coñecen e escriben esas historias pequenas que compoñen a Historia. Desde o xeito en que os grandes acontecementos chegan a unha vila ata os feitos pequenos que conforman aos poucos a peculiaridade de cada lugar. Son os Cronistas Oficiais das cidades galegas, unhas figuras que se moven entre o descoñecemento do seu labor e a necesidade de afrontar os novos tempos.

A figura de Cronista Oficial dunha cidade remítenos case á Idade Media, cando estes persoeiros eran os encargados de poñer por escrito a Historia das poboacións. Aínda que co tempo este labor foi desaparecendo e esa escrita da Historia pasou a mans doutras institucións, en non poucos lugares do noso país sobreviven estes eruditos, que coñecen polo miúdo como foi e como é a vila na que viven e que tentan se adaptar ao ritmo dos tempos. A nómina de cidades e de vilas que contan con cronistas oficiais é ben ampla no noso país. Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Foz, Monterroso, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Pontecesures, Cambados, Cerdedo, Marín, Tui, Vilagarcía, Mondariz-Balneario, Betanzos, Verín... Son só algunhas das poboacións que manteñen esta figura. Canda a lista de sitios, a de nomes tamén é destacada. Álvaro Cunqueiro e Lence Santar en Mondoñedo, Xosé María Álvarez-Bláquez en Vigo, Francisco Trapero Pardo en Lugo, Xesús Taboada Chivite en Verín ou Raimundo García "Borobó" en Compostela son algúns dos cronistas máis coñecidos. Onda a eles, no entanto, son moitos os investigadores que desenvolven un traballo calado de coñecemento da historia local ao abeiro dun título que, polo xeral, ten un carácter exclusivamente honorífico e non implica prebenda económica ningunha.

A honra de facer historia
Son os regulamentos sobre honras e distincións dos concellos, alí onde os hai, os que adoitan recoller as atribucións do cargo de cronista. Por exemplo, en Ribadeo este texto establece que o título de "poderá ser outorgado a aquelas persoas físicas que se distinguiran pola súa actividade en calquera tipo de estudos, investigacións, publicacións, ou traballos relacionados con Ribadeo e manteñan un vencello continuado coa vida local". Este concello en concreto, establece o carácter vitalicio do posto, unha situación habitual no noso país. Ademais, outórgalle funcións consultivas, xa que os cronistas "comprométense ante o Concello a emitir a súa opinión e realizar consultas sobre aqueles temas que o Concello, a través da Alcaldía, estime oportuno someter á súa consideración, e particularmente na promoción municipal de publicacións históricas sobre o Concello ou a súa comarca". Para estes casos establécese que o cronista teña cubertos polo concello os gastos que lle ocasionen as consultas que este lle encargue, algo que tamén recolle o Concello de Lugo. Pola súa banda, na Coruña contémplase que este cargo estea representado no Consello Social Coruñés, un órgano consultivo que recolle representantes de diferentes colectivos e institucións municipais. Precisamente este concello aprobaba o pasado día trinta de decembro o seu regulamento de honores, que regula por vez primeira esta tarefa. Isto que fai prever que contaremos co nomeamento dun cronista herculino en breve, que terá entre as súas funcións escribir a "Crónica da Coruña".

Vivir as funcións
O carácter eminentemente local destes cargos fan que en cada lugar as funcións dos cronistas varíen. Segundo nos explica Carlos Nuevo, unha das máis recentes incorporacións ao gremio, "é algo complicado e dependo dos propios concellos". Aínda así, recoñece unha serie de pautas nestes postos. "Unha das funcións máis habituais é a elaboración da crónica local, e dentro diso, a investigación histórica, etnográfica ou mesmo literaria". Nuevo ocupaba oficialmente o seu cargo o pasado mes de decembro, constituíndose así en herdeiro dunha tradición de cronistas que se remonta a 1898, cando foi nomeado Noya González. Logo del pasaron outros catro nomes antes do actual, todos eles desempeñando o cargo de xeito vitalicio. Sen embargo, Nuevo lamenta que "eu non herdei un só papel dos anteriores cronistas", algo que vai dificultar o seu labor. A falta de infraestrutura na vila e un "certo desleixo" sobre a figura levou a que moito do traballo dos seus antecesores acabase depositado en diferentes institucións fóra do concello. Este problema é algo co que o actual cronista quere acabar. "Sería importante facer un arquivos do cronismo para que os sucesores teñan unha base sobre a que traballar", explica.

Cronistas do XXI
A respecto da vixencia desta figura, este historiador teno claro. "A utilidade é moita. Eu atendo constantemente todo tipo de consultas, desde xente que para vender unha casa quere buscar antecedentes sobre o edificio, ata todo tipo de cuestións sobre a historia da zona. Ademais dos artigos na prensa e das diferentes publicacións que se realizan. Mesmo a nivel turístico, estes días estiven a facer varios artigos sobre a zona para Fitur". Neste sentido apunta a posibilidade de que a figura de cronista incorpore novas funcións, especialmente de carácter consultivo, en temas coma o urbanismo, o patrimonio ou a cultura en xeral. "A súa opinión debería terse en conta e escoitarse en situación puntuais. Unha ocupación clásica foi tamén o encargarse de bibliotecas, arquivos e museos de carácter local ou comarcal". A falta de que o concello aprobe o regulamento correspondente, Nuevo está a se encargar el mesmo dos gastos que lle ocasiona o seu cargo, e aproveita o seu tempo libre para cumprir coas obrigas do mesmo. Deste xeito, anuncia a súa intención de ser "un cronista do século XXI" e asegura que na actualidade "a historia local está máis de moda que nunca, é moi importante, como sostiñan os membros da Xeración Nós, coñecer a propia aldea para se proxectar ao mundo".

Éxito de público e contactos
En xeral, este viveirense asegura que os actos dedicados á historia local acadan un grande éxito de público, "ves xente de todas as clases e condicións enchendo unha sala e sorpréndeche que che digan que noutros lugares os eventos culturais só reúnen unha ducia de persoas", asegura. "Estou moi superado sobre todo nivel de actos públicos. Esta semana teño tres charlas, a semana pasada outras tantas, e logo teño moitas solicitudes de artigos", sinala. O complicado desta axenda demora a elaboración, segundo el, de investigacións de maior calado pola simple falta de tempo para as escribir. A ausencia de contactos continuados entre os cronistas do noso país está tamén detrás da grande variedade de atribucións e estilos que existen en cada cargo. "Non hai moita interacción entre os cronistas, manteño contacto co de Foz ou co de Mondoñedo, pero hai outra xente que non coñezo". Segundo os datos deste investigador, "a raíz do nomeamento en Mondoñedo fálase de facer outros en vilas que aínda non o teñen como Lugo, Vilalba, Ortigueira ou Ribadeo, pero non todo o mundo vale por non ter un arquivo ou o coñecemento axeitado".

Veteranía
Desde a experiencia que dan dezaseis anos no posto e outros tantos libros publicados, Bernardo Vázquez Gil "Lalo" explícanos o seu traballo en Vigo. "Non é unha función complicada. Estamos a secar a memoria das cousas que pasan para facer unha serie de dosieres que permitan, cando cheguen novos historiadores, que poidan ter toda a información. Tamén hai que colaborar co concello, recoller os edictos e revisar o pasado. O máis importante é publicar aquilo que non se coñece, os feitos pequenos que teñen sucedido, deixándoos por escrito". Coma no caso de Viveiro, Lalo recoñece que é escaso o contacto con outros cronistas. "Ás veces falo con outros, sobre todo co de Tui e co de Madrid". Entre os proxectos máis inmediatos deste estudoso está a publicación de "Novos retrincos da historia de Vigo", un libro que recolle outras pequenas historias da Cidade Olívica.

Contar as vilas pequenas
En Monterroso ocupa o posto de cronista desde hai máis dunha década o pintor e escritor Antonio Yebra Ares, autor entre outras obras de "Pazos e señoríos da provincia de Lugo" e de "O Condado de Monterroso: pasado e presente". "Eu escribía pola miña conta, e sen que ninguén mo pedira, artigos sobre cousas que podían interesar. Romarías, festas, o equipo de fútbol local, a agrupación coral... Era un lugar que tiña moita animación", explica aos seus oitenta anos. "Logo facía algún artigo sobre o concello en diferentes xornais, e o alcalde acordou nomearme Cronista Oficial de Monterroso, un cargo que tiña antes Sánchez Carro". Ademais do seu traballo ensaístico recollendo tradicións e eventos, Yebra foi durante moitos anos o autor do cartel que anunciaba a Feira do Queixo, o que dá unha idea do variadas que chegan a ser as atribucións dun cronista.

Outros tempos
Outro cronista que se adapta aos novos tempos é o de Betanzos. Xosé Raimundo Núñez-Varela dispón desde hai un tempo da súa propia páxina web, que permite coñecer polo miúdo as investigacións históricas e o labor que desenvolve desde que accedeu ao posto en 1993. Ademais dun exhaustivo índice de publicacións, o sitio permite a descarga de boa parte dos artigos. Núñez-Varela ten ademais a peculiaridade que tamén ocupa os cargos de cronista de Miño, desde 1993, e de Paderne desde 1995. Dun xeito ou doutro, continúan estes historiadores do local a desenvolver o seu traballo calado, atesourando anécdotas e historias pequenas canda aos datos máis importantes. Un saber que en moitas ocasións é insubstituíble e que a miúdo non consigue recoñecemento fóra dos muros da súa propia vila.