Escribir a Historia en feminino

O estudo da loita feminista amosa as posibilidades e os problemas de facer historia dos movementos sociais

Portada de <i>A saia</i>, primeira publicación do movemento feminista en Galicia. Foto: Consello da Cultura Galega
Portada de A saia, primeira publicación do movemento feminista en Galicia. Foto: Consello da Cultura Galega
A Historia está a se escribir agora mesmo. Movementos como o feminismo traballan para mudar a sociedade e deixan no seu labor inxentes cantidades de información que debe ser clasificada e analizada desde o primeiro momento para facilitar a súa posterior análise. Nese traballo está a Comisión de Xénero do Consello da Cultura, que celebra mañá a xornada Xénero e documentación II:
A recuperación da memoria do movemento feminista
para analizar a situación e as perspectivas neste campo.

O movemento feminista galego adoeceu durante anos de dispersión xeográfica e dunha certa inestabilidade. Falamos de colectivos locais ou de pequeno tamaño, que en ocasións nin sequera contaban cun local propio e que compartían espazo con outras entidades coma sindicatos, partidos ou asociacións. Estas características, comúns a moitos dos movementos sociais do noso país, implican unha serie de peculiaridades á hora de localizar as fontes para a investigación histórica desta corrente de acción social.

Oralidade
A relativa inestabilidade de moitas destas iniciativas motivou que a documentación da súa historia estea a miúdo espallada ou en mans dalgúns dos seus membros que a custodian como parte da súa propia historia persoal. En circunstancias semellantes, non é de estrañar que fontes coma a oralidade teñan unha especial importancia á hora de reconstruír a cronoloxía das loitas feministas no país. Segundo explica Carmen Pérez Pais, membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e profesora da Universidade da Coruña, “trátase de movementos variados e espallados, carecen moitas veces dunha sede oficial como poden ter partidos ou sindicatos, e iso fai que a propia conservación dos documentos ou a organización dun arquivo sexa máis complicada”.
Nese panorama adquiren unha especial importancia as fontes orais e a memoria das propias protagonistas desta loita, que permiten recontruír relacións e localizar fondos documentais. “As fontes orais continúan a ser imprescindibles, aínda que existe documentación, revistas, libros e publicacións dixitais. Aínda que para min en xeral a oralidade é necesaria para calquera tipo de historia, neste caso adquire un maior peso”, sinala esta investigadora. “Ademais, estamos aínda a tempo de aproveitar este coñecemento, falamos de mulleres que en moitos casos están en activo e posúen esta memoria”.

Silencios
Un exemplo da importancia da memoria viva encol destes movementos está na necesidade de encher determinados ocos históricos a nivel documental. A propia dinámica dos movementos, en ocasións a operar na clandestinidade, fai que “sobre todo nalgunhas épocas non aparezan nos documentos datas, lugar ode publicación ou autores”, o cal dificulta moito a súa clasificación. Pérez Pais destaca “o traballo da Comisión de Xénero do Consello da Cultura. Estamos a reunir información para que nun momento dado a explotación destes documentos poida ser moito máis sinxela e se poida facer unha cronoloxía de cómo funcionaban estas organizacións”. Canda a isto “tentamos recoller onde están os documentos, quen a ten, para facilitar o acceso dos investigadores á mesma. Cómpre reunir e identificar esta documentación. Houbo e hai moitas mulleres moi meticulosas que se preocuparon de a conservar. Non se trata tanto de pedirlle documentos a persoas que a miúdo os teñen como recordo da súa vida. Coa dixitalización non cómpre se desprender deles para permitir o acceso a esta documentación”.


Documentos internos e cara a fóra
Pérez Pais advirte que “cando falamos de documentos pensamos en actas de asembleas e textos de traballo interno, pero tamén hai correspondencia, adhesivos, carteis, pancartas e todo tipo de obxectos que crean estes movementos como poden ser mesmo camisetas ou paraugas, que dan unha serie de ideas para interpretar o traballo que facían”. Destaca nese sentido a importancia colección de faixas de mobilizacións que foi cedida o Consello da Cultura Galega e que amosa a evolución histórica das reivindicacións feministas no noso país. “A falar con xente de diferentes arquivos e centros de documentación a nivel estatal, comprobei que non é un tipo de material que se teña moi en conta. En comparación por exemplo cos países nórdicos consérvanse moi poucas, e a miúdo, aínda que se conservan, están sen catalogar ou pouco localizables. Nese sentido a colección do Consello ten unha especial importancia xa non só para a historia do movemento feminista galego, senón no panorama estatal”. En canto á documentación producida desde os movementos, Pérez Pais advirte que vai mudando. “De xeito xeral, semella que vai descendendo a produción de carteis. Agora hai moita documentación dixital, que cómpre estar alerta para que non se perda”. En todo caso salienta que, “aos poucos”, vaise instalando nos propios colectivos a necesidade de documentar a súa actividade e facer un traballo de arquivo que facilite a investigación futura e a reflexión.

Transversalidade
Á dificultade para contar con arquivos propios destas organizacións, engádese que en moitos casos existen fondos referidos a cuestións de xénero noutros arquivos sen estar especificamente catalogada neste sentido. “Cómpre proxectar unha visión de xénero en bibliotecas e arquivos e extraer máis información de todos os documentos. As ferramentas informáticas están a facilitar moito este labor”. Nese sentido destaca tamén a importancia de arquivos administrativos, que recollen desde as actas fundacionais de diferentes entidades ata permisos para manifestacións. “Aínda que moitos deses documentos están suxeitos a normas de confidencialidade porque inclúen nomes concretos e deben pasar un prazos antes de se faceren públicos”.

Medios e bibliotecas
As hemerotecas dos medios de comunicación preséntanse como outro importante recurso para tirar datos encol destes movementos. “Moitas organizacións fixeron dosieres coa información tanto sobre as propias organizacións como sobre violencia de xénero, aborto ou outras cuestións. Aínda que tanto o movemento feminista como outros non están ben representados nos medios, si que se poden atopar datos de interese”. As bibliotecas, onde a miúdo se custodian coleccións de revistas editadas desde estes movementos supoñen outras fontes de interese, aínda que a miúdo “as coleccións están incompletas e cómpre ir procurando onde pode haber outros números para completar coleccións” advirte esta investigadora.

Chamada de atención
Coas xornadas que se celebran mañá no Consello da Cultura, este proxecto quere “facer unha chamada de atención para que a xente comparta a información que posúe neste campo”, explica Pérez Pais, así como analizar as perspectivas para continuar o traballo da Comisión de Xénero. Experiencias nestes campos realizadas en Euskadi ou no seo do Centro Documental da Memoria Histórica compartirán espazo co labor que se fai en Galicia neste campo, un esforzo que pode ser de interese para moitos ámbitos para alén do feminismo. “Este traballo supón tamén unha chamada de atención e pode servir como referencia para se aplicar a outros movementos”, apunta Pérez Pais.
Programa da xornada Xénero e documentación II: A recuperación da memoria do movemento feminista.
Documentos do movemento feminista no Álbum de Mulleres: Abrente número 0.
1986. Fonte: Arquivo CIG-Vigo.
Catálogo da II Bienal de Artistas Galegas.
Exposición coordinada por Alecrín e o Concello de Vigo. 1990
Festa da palabra silenciada. Nenas nº5 (inverno 1988), p. 1-75.
Primeiro número de A Saia 1982. Primeira publicación do movemento feminista organizado en Galicia.
Galerías de faixas do movemento feminista no Álbum de Mulleres.