Diferentes artistas nos contan desde un punto de vista teórico e práctico a súa visión sobre o net art

Disfunción creativa

Teñen en común que empregan a rede para comunicar, para dar a coñecer desde as súas ideas ata a súa forma de comprender a arte. Pero son tan diferentes como as posibilidades que a rede mesma lles permite. Internet é o seu soporte, o seu vehículo pero tamén a súa esencia. Os netartistas galegos son e exprésanse así.

A pouco que un busque na rede descobre que existen artistas galegos que se inclúen dentro do amplo paraugas que permite un concepto como Net Art. Paola Guimeráns, Isaac Cordal, Silvia García, Horacio González.... algúns deles ata forman parte dunha comunidade, Alg-a, que ten un sitio web onde os seus membros fan as súas postas en común. O que queda claro é que son toda unha xeración de artistas que resposta a múltiples constantes.

Denominadores comúns
En primeiro lugar, a rede é o seu vehículo de expresión. Silvia García, que analiza estas manifestacións desde un punto de vista teórico, ofrece unha definición sinxela “eu considero que son aqueles proxectos que non teñen sentido fóra da rede internet”, unha acepción coa que coincide Paola Guimeráns ao asegurar que “a rede é un soporte para un discurso, é o que lle da sentido, por iso non todos os traballos que aparecen na rede son Net art”. En segundo lugar son unha xeración de artistas novos que saíron, na maior parte das ocasións, das Facultade de Belas Artes (sobre todo da facultade de Pontevedra) . Unha cuestión lóxica porque, segundo Paola “é xente nova que xa nacemos inmersos na cultura audiovisual e presentamos outra forma de ver”. En terceiro lugar, entenden o Net Art como unha postura de descentralización do discurso artístico-institucional imperante e onde cada día se ían descubrindo novas posibilidades: os web artistas, o net.artistas, os software.artistas, os code.artistas.... E, por último, desenvólvense ao abeiro do desenvolvemento de grupos e comunidades de estudo arredor das licenzas creative commons, do copyleft e desde o software libre. Neste sentido, Isaac Cordal, considera que “a arte ten moito que ver co activismo e a xente, máis que vender, o que quere é compartir o seu producto por iso se integra dentro deste tipo de movementos”.

Paola, Horacio e VHPLab
Paola Guimeráns e Horacio González son dous artistas que traballan tanto xuntos como por separado dentro do campo do Net Art. Xuntos conforman a plataforma VHPLab que Paola afirma que “pretende ser unha ironía a todo este momento dixital no que os artistas parece que están obrigados a traballar con novos medios”. Agora mesmo traballan no “fishchatter” que, segundo ela cumpren dúas funcións, “por unha banda parodiar os novos modelos comunicativos, onde a xente se cita a unha hora concreta para falar e, por outra parte, constatar a transformación da linguaxe textual cara unha forma máis gráfica que sirva para expresar emocións e sentimentos, como pode ser o uso dos emoticons”. Neste mesmo proxecto, que Horacio González di que está “en desenvolvemento”, pretenden “reflexionar arredor do chat, como podemos cambiar e repensar o seu uso”. O seu traballo pasa tamén por buscar usos diferentes aos obxectos dos que nos rodeamos. Por poñer un exemplo concreto, Horacio ten feito un traballo arredor do escáner que usaba como una cámara de fotos ou como un vídeo, como el di, “aproveitar as súas funcionalidades dun xeito que non é o previsto”.

Alg-a, baixo a capa do composto petroartístico
Dentro das análises que Silvia García fixo desde o punto de vista teórico destaca unha. Chámase Alg-a e considera que “é unha das iniciativa máis destacadas que funciona como portal de comunicación e que, a diferenza doutros sitios web permanece co paso do tempo e mesmo sen apio institucional pero proceden de intereses diferentes e moi diversos”.

Isaac Cordal, un dos membros integrantes de Alg-a, explica que a plataforma “é unha especie de encontro de varios artistas que saíron da Facultade de Belas Artes e vimos a necesidade de aglutinar os nosos traballos nun mesmo espazo”. Son unha comunidade que agrupa traballos de artistas que están en diferentes lugares e que demostran que existe movemento e preocupación en diferentes ámbitos da creación artística, pero todos eles relacionados coa rede. Esta comunidade ten creado diferentes xornadas e actividades con artistas en colaboración con outros colectivos como Ifi ou Sinsalaudio e sempre sen axudas públicas. Agora mesmo están pendentes de ampliar a capacidade da hospedaxe do seu dominio para crear unha mediateca de audio e vídeo, unha ampliación pendente de financiamento.

Entre as múltiples iniciativas que se poden descubrir nos sitio web de Alg-a, Isaac Cordal destaca “Net-label” que é un selo discográfico que, con licencia creative commons, permite distribuír 14 referencias e músicos e investigadores de audio en Galicia. Un traballo que pronto se poderá descargar desde a súa plataforma.

Efímero, como a rede mesma
O coruñés afincado en Valencia, Nilo Casares leva unha década comisariando exposicións sobre este campo de traballo. Ten traballado con artistas como Luca Lampo, Vuk Cosic, o grupo 0100101110101101.org, Heath Bunting e todos os nomes propios que crearon o concepto de Net Art. Por iso está nunha posición privilexiada para definir e explicar esta forma de expresión artística. Para este comisario e crítico de arte hai moitos proxectos que non se poderían clasificar como tales porque “tal e como os fundadores deixaron claro en 1998 que a Net Art non é a web en si mesma, senón os procesos de intercambio que teñen como eixe a web, a telefonía móbil....”. Ademais, Nilo acaba de chegar de Milán da exposición “Conessioni Leggendarie” na que os creadores do movemento, sen facelo explícito, comezan a amosar que o movemento remite. “Non é que desapareza, explica Nilo, senón que ante tanta invasión de sitios web que se presentan como Net Art. e non o son, o que quere é facer unha revisión da historia para explicar que foi moi bo, que foron creadores con proxectos moi interesantes e innovadores”.

* A imaxe do tema do día é unha captura dun proxecto interactivo de Horacio González para explicar a perspectiva cónica.

http://www.vhplab.net/horaciogd/math/web/index.html