Desde a raíz o 34 FIOT ofrecerá o seu programa máis extenso

O festival de teatro de Carballo dará comezo o 25 de setembro

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea conformando o programa máis amplo da súa historia. 'Raíz viva, memoria colectiva' é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. O FIOT convida a mirar cara ao interior, a recoñecer a forza do que nos sostén: a tradición, a memoria e a orixe. Pero sempre, cunha mirada contemporánea cara o presente e o futuro.

Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países -España, Bélxica, Arxentina- e 9 comunidades autónomas -Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco-, ademais dunha vintena de accións de mediación. No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Ligazóns