Santiago e A Coruña son os concellos que máis invisten en cultura

O Observatorio da Cultura Galega presenta un informe sobre o gasto en cultura na administración local en Galicia

Non é doado coñecer as cifras de investimento local en cultura en Galicia, pero a partir dun complexo traballo de extracción dos datos remitidos polas administracións locais e deputacións ao ministerio de Facenda, é posible extraer datos que foron hoxe presentados polo Observatorio da Cultura Galega do CCG. O informe, realizado en colaboración co Instituto de Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) facilita "a transparencia dos datos e a contribución ao ben común", segundo Hakan Casares, coordinador técnico do Observatorio. O estudo permitiu determinar que Santiago de Compostela e A Coruña son os concellos que máis recursos investiron por habitante, con 141,30 e 121,50 euros por persoa respectivamente, e en tendencia ascendente. Séguenlle Pontevedra (69,35€) FErrol, (64,75€) e Lugo (62,10€). O informe conclúe que "a intensidade do esforzo cultural non está determinada polo tamaño demográfico nin pola densidade de poboación, senón polo grao de prioridade política e simbólica que cada concello lle concede". De feito, hai concellos mediados e pequenos que superan os 100 euros por habitante, como Mugardos, O Grove, Padrón, Ortigueira, Abegondo ou Outes entre outros. O informe tamén avalía o gasto das deputacións. As de Lugo e Ourense son as que máis gastan per cápita, con 19,84 e 18,66 euros respectivamente. Segundo o informe "isto débese a que contan cun maior volume de recursos en relación coa súa poboación". Por partidas, as deputacións de Ourense e A Coruña son as que destinan a maior parte dos gastos á promoción cultural (93,8% e 65,8%) mentres que Pontevedra e Lugo dedican a partida máis relevante a Museos e equipamentos (39,7% e 46,6%). Para Melchor Fernández, do IDEGA, o informe permite comprobar o papel da cultura "como fixador de poboamento" nos concellos con contexto de perda demográfica.