Un terzo dos museos galegos teñen un orzamento inferior a 50.000 euros

O informe foi presentado hoxe no Consello da Cultura Galega

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:
Un terzo dos museos galegos teñen un orzamento inferior a 50.000 euros

Nos últimos vinte anos, o número de museos aumentou con moita rapidez en Galicia, "o incremento foi superior ao total de España, para converxer nunha ratio aproximada de 3 museos por cada 100.000 habitantes", sinala o informe "Análise da situación dos museos e outros centros museísticos en Galicia", elaborado polo Consello da Cultura Galega e que foi presentado hoxe en Santiago por Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega. O documento sinala que na actualidade os museos galegos contan con 4 millóns de fondos e un total de 87 centros sinalados no sistema de centros museísticos, aínda que a investigación permitiu identificar 132 entes que se definen como museos "á marxe" dese sistema. Este conxunto ten outra singularidade. "Ao comparar con datos a situación respecto a España, é evidente que a proporción de museos pequenos é significativamente maior en Galicia", indican. O informe sinala tamén a gran desproporción de orzamentos entre uns e outros: "hai dez centros que teñen un orzamento anual de máis de 600.000 euros e un 34,1% teñen orzamentos inferiores a 50.000 euros". O peso da Xunta no financiamento de todo este conxunto é notable. "A proporción de museos que reciben axudas da Administración autonómica", indica o informe, "en Galicia está por riba da media nacional, mentres que as achegas da Unión Europea son menos e máis irregulares en comparación co resto de España". Todo isto administrado por un persoal de 749 persoas.

O perfil dos visitantes "é de persoas novas con estudos superiores e residentes en zonas con maior densidade de poboación", e aínda que a frecuencia dos que asisten nas últimas décadas medrou ata acadar os dous millóns de visitantes, "os visitantes máis asiduos seguen representando unha pequena parte da poboación". De feito, a maior parte dos museos reciben menos de 5.000 visitantes e, segundo o informe, o interese "non ten unha evolución claramente favorable". Once dos museos reciben máis de 40.000 visitantes ao ano. Un dato de interese é que os residentes en Galicia amosan unha "tendencia paradoxal. non visitan os espazos locais pero amosan interese polos doutras zonas cando viaxan". Pola súa banda, os profesionais entrevistados para o informe destacaron a "insuficiencia de recursos humanos dispoñibles e a falta de estabilidade laboral, aínda que os datos estatísticos din que oito de cada dez traballadores teñen unha relación estable coas entidades". Os profesionais tamén reivindican "unha maior autonomía", mellorar a coordinación entre os centros e hai un "amplo consenso" na necesidade de "elaborar un plan específico para os museos de Galicia". O informe pódese descargar de balde no web do Consello da Cultura.

Que che parece esta nova?
87 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Museos, Consello da Cultura Galega, Hakan Casares, Rosario Álvarez...