Con pouco (diñeiro) que contar

O gasto da Xunta en cultura cae un 58% desde 2007

Novenos en gasto público cultural por habitante dentro das comunidades autónomas españolas. O informe Gasto público en cultura, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, documenta como a crise económica e o conseguinte descenso dos orzamentos sepultou o investimento cultural por habitante. A cultura revélase como un sectores máis prexudicados pola crise no investimento público.

O documento "Gasto público en cultura", elaborado polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, analizou o "destino e a natureza do gasto" nas Administracións dentro do ámbito cultural. Os datos, tomados do Ministerio de FAcenda, das Entidades locais e o Instituto Galego de Estatística, amosan o descenso dos orzamentos de cultura en todas as administracións. A Xunta baixou o orzamento cultural nun 58% desde 2007 e hoxendía. O gasto medio por habitante está nos 34.4 euros.

Nestes momentos é onde entra en xogo o contraste sobre o que se recorta en cultura e o que se fai noutros sectores. Deste xeito, en Sanidade recortouse un 6.64% e en Educación un 11.18% fronte ao 59% de cultura. Esa caída tan drástica na Xunta atenúase algo nos concellos, que caen un 28.9% e as deputacións, cun 25.9%-

Gasto real dos orzamentos
O estudo non só analiza os orzamentos senón tamén o gasto liquidado, é dicir, a execución real dos orzamentos. Neste sentido, o informe establece que en 2011 Galicia é, con 92 240 000 euros, a sexta comunidade con maior gasto público en cultura, por detrás de Cataluña (325 121 000), Andalucía (185 063 000), Valencia (158 971 000), Madrid (118 667 000) e País Vasco (108 186). No entanto, con estes orzamentos, o gasto medio por habitante sitúanos en novena posición, con 34,4 euros por habitante.

Na evolución da execución do gasto entre 2007 e 2011, foi 2008 o ano en que o gasto público en cultura acadou as máximas cotas, con 2 128 971 000, que pasou en 2011 a contabilizar 1 482 593 000 euros.

Entrando ao detalle deses datos, o informe destaca a dificultade de coñecer como se distribúe o gasto, principalmente polas diferentes formas que toma a Administración (axencias, empresas públicas.). Tendo en conta estas características, no ano 2011 a Xunta de Galicia destinou 94 240 000 euros, que executou nas seguintes partidas: 22 564 000 en bens e servizos culturais; 300 000 en artes plásticas, escénicas e musicais; 5 526 000 en libro e audiovisual, e 65 850 000 en actividades interdisciplinares (dos que 37 millóns foron para promoción e difusión cultural e 23 millóns para política lingüística).

O informe tamén estuda a desagregación das cifras na Administración local, diferenciando os concellos de máis de 5000 habitantes do resto. En Galicia, en 2011, había 116 concellos con esta poboación, nos que o gasto executado foi de 129 265 000 euros, que supón 55,3 euros por habitante. Con todo, a evolución do gasto da Administración local entre 2010 e 2011 descendeu un 17,7%. Esa tendencia negativa constátase en todas as epígrafes ás que se destina o orzamento e nas que hai unha excepción: artes escénicas. Entre 2010 e 2011, os concellos gastaron un 3,3% máis neste capítulo, co que se pasou de 5 733 000 a 5 931 000 euros.
Por último, na análise do control orzamentario, a Administración autonómica só presentou desviacións importantes en dúas anualidades, mentres que a Administración local gastou arredor dun 12% menos do orzamentado no último bienio estudado.