O FIC Bueu dá comezo con enfoque internacional

Nesta 18ª edición contará con case 80 películas, das que 43 serán estrea en Galicia e 8 estrea en España

Nesta 18ª edición contará con case 80 películas, das que 43 serán estrea en Galicia e 8 estrea en España
Romería será o filme inaugural desta edición. Foto: © Quim Vives. Elástica Films
O Festival Internacional de Cinema de Bueu dará comezo hoxe venres, 5 de setembro, coa proxección de Romería, a nova longametraxe de Carla Simón, coincidindo coa súa estrea en salas comerciais e a súa preselección para representar a España nos premios Oscar. O festival, que se celebrará ata o vindeiro día 20, celebra a súa 18ª edición cun programa que combina cinema, música e encontros profesionais e que traerá á vila morracense a unha corentena de convidados estatais e internacionais. O FICBUEU, como medida de presión ante o xenocidio en Gaza decide un ano máis deixar fóra do proceso de selección ás curtas israelitas financiadas polo goberno de Israel

Segundo explicou na presentación Manuel Pena, codirector do festival, de entre as case 80 películas que se proxectarán "43 delas serán estrea en Galicia e máis do 10% estrea en España". "Nunha liña continuista, na programación do festival sempre se inclúen filmes cunha gran carga social, tanto no discurso narrativo coma no tratamento da imaxe" afirmou Pena. Un dos focos centrais da programación será a temática do exilio, que ocupará a Retrospectiva e o Caderno e ademais inspira a imaxe desta edición. Na Retrospectiva, o FICBUEU abordará a cuestión identitaria a través de cinco filmes creados por Alexander Kluge, Joao Cesar Monteiro Chantal Akerman, Pier Paolo Pasolini e Jomí García Ascot. Estas pezas exploran, arredor do concepto de exilio, diferentes respostas narrativas e estéticas de cineastas de vangarda. Durante a primeira fin de semana do festival terán lugar as Xornadas Cinematográficas que este ano acollerán actividades coa temática: "música e cinema". Da man da montadora do filme Ana Pffaf e do compositor Ernest Pipó afondarase na música e a montaxe en Romería. As Xornadas Cinematográficas do FICBUEU acollerán tamén a actividade "Análise fílmica. David Lynch visto cos ouvidos", na que o especialista en música de cine Conrado Xalabarder analizará a importancia do son e da música no cinema do director.

Catorce estreas galegas e 5 españolas achegaranlle ao público as últimas pezas de cineastas provintes de países como Suecia, Líbano, Arxentina, Alemaña, Brasil, Grecia ou Colombia, nunha edición na que prima o cine iberoamericano e aumentan a presenza xéneros como a animación, o documental e a comedia Os galegos Fon Cortizo, Xaime Miranda e Fran Rodríguez formarán parte da Sección Oficial; mentres que Blanca Navarrete, Antía Rodeiro, Diego R. Aballe, Xosé Dopazo, Alba Domínguez, Nuria Vil, Carlos Calvar e Paula Pereira son os creadores e creadoras que integran a sección GZ_00.

A programación inclúe dúas sección protagonizadas polo estudantado de escolas audiovisuais ou de cinema: as seccións 'Escolas de cinema galegas' e a nova 'Escolas de cinema internacionais', ambas de carácter competitivo e creadas coa intención de xerar unha sinerxía coa comunidade educativa e o público do futuro. 'Escolas de cinema galegas' acollerá esta vez as obras dos noveis Agustín Segura Prado, Mara Varela, Pablo Goirigolzarri, Xoán Vázquez, Aira Portos e Miguel R. Berride, mentres que en 'Escolas de cinema internacionais' poderán verse curtametraxes de Alemaña, Chile, Lituania, Líbano, Estados Unidos, Reino Unido e España. Todas serán estreas en Galicia
Ligazóns