'Sirât' representará a España nos Premios Oscar

O filme de Óliver Laxe foi o seleccionado entre os tres finalistas

A Academia de Cine de España ven de dar a coñecer a elección dos académicos respecto selección da película que representará á cinematografía española na vindeira 98ª edición dos Premios Oscar de Hollywood. 'Sirât', dirixida por Oliver Laxe, foi a elixida das tres finalistas, entre as que estaba tamén o filme 'Romería', de Carla Simón rodado en Vigo. A longametraxe do cineasta galego, gañadora do Premio do Xurado do Festival de Cannes, está protagonizada por Sergi López e traslada ao espectador ao deserto, a unha "rave" perdida en medio das montañas do sur de Marrocos. O seu anterior filme, 'O que arde', xa estivo entre as tres finalistas a representar a España nos Oscar en 2020, pero non foi finalmente a seleccionada. 'Sirât' é unha película orixinal Movistar Plus+ producida en colaboración con Filmes da Ermida (a produtora de Oliver Laxe), El Deseo (dos irmáns Almodovar), Uri Films e 4A4 Productions. Agora haberá que agardar ata o vindeiro 16 de decembro a que se dea a coñecer a lista curta ou "shortlist" dos Oscar, para saber se 'Sirât' continúa o percorrido dentro da competición polo galardón á Mellor Película Internacional. O 22 de xaneiro de 2026 saberanse xa as cinco películas candidatas de todo o mundo nesta categoría e a cerimonia dos Oscar terá lugar o 15 de marzo de 2026 en Los Ángeles.