Imaxe do filme Foto: © Quim Vives
O calendario cinematográfico dos premios Óscar da poderosa industria cinematográfica estadounidense tiña marcado este 16 de decembro para dar a coñecer as "listas curtas" de precandidaturas aos galardóns nas diversas categorías. Os ollos estaban postos no que acontecería respecto a 'Sirât', o filme de OliverLaxe, candidato oficial da cinematografía española ao premio a Mellor Película Internacional e as decisións da Academia estadounidense veñen de superar todas as previsións. O filme entra nas "shortlists" de ata cinco categorías, manténdose na carreira por ser finalista para os galardóns de Mellor fotografía, Mellor banda sonora orixinal, Mellor Son e cásting, ademais da de Mellor Película Internacional. Esta acumulación de precandidaturas nos premios Óscar é un fito xa dentro da historia do cine español, independentemente do que poida ocorrer cando o vindeiro 22 de xaneiro de 2026 se dean a coñecer xa as cinco películas candidatas de cada categoría. Antes diso, o vindeiro 11 de xaneiro terá lugar a gala de entrega dos Premios Globos de Ouro que a Asociación da Prensa estranxeira en Hollywood outroga cada ano e nos que o filme de Laxe é finalista xa en dúas categorías: Mellor Película de Fala non inglesa, e Mellor Banda sonora para a asinada por Kangding Ray.



