Un grupo inicia en Santiago unha xuntanza para traballar polo sector da arte

A arte quere o seu foro

A arte está a mudar de pel. Un equipo de artistas, galeristas e críticos preocupados pola arte contemporánea reuníronse esta fin de semana para traballar en prol do sector. Foi a primeira dunhas xuntanzas que continuarán o vindeiro sábado e que pretenden constituír unha mesa de traballo tal e como están a facer outras áreas culturais. É un gran de area para axudar a definir o futuro ante unha situación que se presenta chea de cambios.

O mes de setembro adoita ser un mes cargado de inauguracións, de presentacións de novas mostras e de anuncios de exposicións para pechar o ano. Pero o que pasa neste setembro non é moi usual. Ao xa habitual úneselle un cambio de goberno, un novo rumbo político que trazará unha serie de cambios nas directrices xerais e, por se fora pouco, o sector privado non permanece indiferente a esta tendencia. No primeiro porque os dous principais centros de arte contemporánea están nunha situación de indefinición pola marcha dos seus directores: Carlota Álvarez Basso foise do Marco hai uns meses e a Miguel Fernández Cid acábanlle de notificar o seu cesamento. Dentro do eido privado o MACUF acaba de reabrir en Coruña o seu museo logo de permanecer pechado durante dous anos e faino con novos proxectos. Pola súa banda en Santiago aparece unha iniciativa peculiar como a Chocolataría e SCQ estrea novo espazo en Santiago logo da disolución do eixe que mantiña con VGO. Son moitos cambios para un panorama.

Punto de partida
Á xuntanza do pasado venres asistiron unha trintena de persoas entre as que había artistas, galeristas e críticos. Aínda que non transcendeu moita información desa reunión, o único que queda claro no ambiente é que estamos nun momento especial para convocar un foro de traballo tal e como están a facer outros sectores culturais como o do libro. Tampouco se deron a coñecer nomes propios dentro dos promotores deste sector xa que non se quere personalizar en ninguén para que todo o mundo se implique e a plataforma non quede condicionada desde o seu momento. Tras esta primeira xuntanza inicial, o sábado 24 ás 10:30 de mañá está convocada unha reunión na sala Sargadelos de Santiago para sentar os primeiros chanzos. Non obstante, a xente implicada neste movemento quere destacar que non é a primeira vez que se convocan reunións deste tipo que só teñen como interese traballar en favor do sector.

A arte pública
Os dous principais centros de arte contemporánea de Galicia, tanto o MARCO como o CGAC están en dúas situacións diferentes pero que en ambos casos afectan aos seus directores. O pasado mes de xuño Carlota Álvarez Basso anunciou a súa marcha para incorporarse á Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. Deixou parte da programación pechada co que o museo de titularidade municipal seguiu funcionando. Desde o gabinete de prensa do MARCO destacan que é un asunto que leva directamente o padroado e que se reunirá a finais deste mes de setembro. Unha xuntanza que levará, entre a orde do día, o tema da elección do candidato un nomeamento que calculan será público a mediados de outubro. En todo caso son estimacións dos prazos do concurso de méritos, sistema escollido para a elección do director, e que conta agora mesmo con trece preseleccionados.

Pola súa banda, os medios sacaban á luz hai uns días que o actual director do CGAC, Miguel Fernández Cid, vén de recibir a notificación do cese do seu cargo que será efectiva nun par de meses. Un cambio que non afectará á programación que deixa perfilada para este final de ano, como a de Xesús Vázquez ou Menchu Lamas.

O cambios privados
O pasado mes de xullo reabría as súas portas na Coruña o Museo de Arte Contemporáneo, onde Luís Caruncho lle cedeu o testemuño a Carme Fernández Rivera. A actual xerente do complexo que reúne tanto este centro como o futuro “Museo da enerxía” (que cambiará de denominación) explicou, cando foi a reapertura do centro, que abriría un novo camiño sen renunciar aos seus principios, como é o coleccionismo e a actividade pedagóxica.

Os que tamén queren seguir un camiño propio son a Asociación Cultural D5, ou o que é o mesmo, o grupo de cinco persoas que se agochan detrás do proxecto da Chocolataría en Santiago. David Barro, un dos integrantes, explica “non é un proxecto comercial, senón que traballamos coas galerías e para elas, xa que a nosa idea é que sexa un proxecto sen ánimo de lucro que teña un desenvolvemento en distintos locais”. A súa tarefa expositiva abrirá as súas portas o día vindeiro martes 27, que será cando abra as súas portas na antiga fábrica de Chocolates Raposo na rúa das Orfas en Santiago e se dea a coñecer o proxecto. E falando de espazo, hai que abordar o cambio de local de SCQ, co que continúa na súa liña. Mónica Iglesias explica que “simplemente é un cambio de lugar, é continuar co traballo que a galería inzous cando naceu no ano 1997. Co tempo ese espazo quedóusenos pequeno e tivemos que buscar outro que permitise continuar co mesmo traballo”. Co seu proxecto consolidado, SCQ vén de abrir un novo local que ten, entre as súas consecuencias máis inmediatas, que aumenta o numero de pezas expostas. Como unha mostra de que o seu proxecto expositivo segue fiel aos seus principios, SCQ abre no seu novo local cunha mostra de Carme Calvo, a mesma artista coa que abriu as súas portas hai oito anos. Explica Mónica que “era unha forma de dar esa idea de continuidade, unha forma de repetir o ciclo xa iniciado”.