O MACUF reabre as súas portas no décimo aniversario trazando novos camiños

Unha década de luz

A luz chegou á arte. En 1995 nacía na Coruña o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa abrindo unha brecha no panorama expositivo herculino. Durante este tempo foi alimentando unha colección propia que hoxe pasa por ser unha das máis importantes do Estado. Esta tarde, logo dun tempo pechado, o MACUF reabre as súas portas marcando un novo camiño para a arte sen renunciar aos seus principios.

Unha reapertura non é o mesmo que unha apertura, en parte porque cando esta tarde (18:00 horas) o novo MACUF abra as portas xa ten un camiño andado. E iso nótase. A directora e xerente da catalana Carmen Fernández explica que “quixemos abrir cos nosos propios fondos, cunha mirada centrada á nosa colección, que fai un guiño ao realismo e pasando polo pop, e se termina na abstracción e no constructivismo”. Na segunda planta hai unha exposición de Tatiana Medal, Xoán Pacheco e Antón Castro, tres artistas que gozaron dunha bolsa Unión Fenosa no 2001, e como di a directora “parecíanos lóxico empezar con eles”. A terceira das mostras que ocupa 2.000 metros de exposición, está dedicada ao mundo do deseño e da moda. “Na primeira parte son traxes de carácter histórico, explica Carme Fernández, onde se recolle a importancia da vestimenta por si mesma, onde o importante era a persona que o levaba que xeralmente pasou a historia a través dos cadros, con aqueles traxes ricos, con pedrería que pertencían á nobreza, ata o momento no comeza a ser coñecido o deseñador e comeza a asinar o seu traxe e a ser anónimo a persoa que o leva. Isto termina no século XX con modelos como Balenciaga, Ágata Ruíz de la prada, Balenciaga… é unha exposición de moito atractivo para o público”.

O proxecto
Non é baladí que na reapertura haxa tres exposicións, xa que resume a esencia do novo proxecto. A propia directora explica que “a partir deste momento sempre teremos tres exposicións. Montaremos unha que estará tres meses, ao mes seguinte abriremos outra, así case todos os meses teremos unha nova aposta. A programación será continuada con doce exposicións anuais”. Un número que poderá aumentar porque a directora avanza que “a partir de dentro dun ano, cando teñamos o museo da enerxía aberto ao público, que terá unha pequena sala de exposicións, tamén se unirá unha cuarta mostra temporal que será continuada”.

Unión Fenosa conta con dous museos. Por unha banda o MACUF, que é o museo da arte contemporánea e o “Museo da enerxía”, que cambiará de denominación pero aínda non ten fixado cal será a nova. Carmen Fernández explica que “desde o punto de vista da xestión non hai ningunha diferenza. Os dous están unidos en canto á mesma xestión e teñen o mesmo formato á hora de traballar, un dedicado á arte contemporánea desde o punto de vista da literatura, da arte, da expresión corporal, da danza, a música... E o outro desde o punto de vista da enerxía, dos problemas medioambientais, e desde actividades que son contemporáneas e que nos afecta o día a día”. Pero entre eles pode haber nexos de unión xa que hai algúns artistas que traballan coa luz, coa enerxía e coas cores que, explica a xerente, “nalgún momento tentaremos que formen parte da montaxe de ambos museos. Pero os dous están, cada un no seu sentido, dedicado á cultura contemporánea”.


Un camiño propio
Este ano a feira de galerías máis importante do Estado, ARCO, concedeulle ao MACUF o seu premio ao mellor coleccionismo institucional de España. Carme Fernández recolle o testemuño deixado por Luis Caruncho, que foi álma mater e director do proxecto ata hai uns meses, cando pasou a ser asesor artístico do museo. A nova directora e xerente ten moi claro por onde debe ir o futuro do centro: “nós temos a nosa propia liña de acción, a través das bolsas e liñas de artistas de bolseiros que van ao estranxeiro, logo temos un camiño andado que é propio noso e a través dese camiño e doutros iremos buscando o noso oco, sempre buscando un oco pero nunca solapando actividades doutras institucións porque non sería enriquecedor”.

As novas vías
Se existe un proxecto no que destaca a actuación artística de Unión Fenosa ese é o servizo pedagóxico. Na nova era que se abre para o museo, seguirán polos mesmos camiños aínda que abrirán todo un proxecto innovador con trasfondo social. “No mes de agosto, explica Carmen Fernández, comezaremos cos preparativos dun proxecto piloto dedicado a minusvalías tanto mentais como físicas”. Este prrimeiro traballo que ten unha fase inicial de seis meses de duración atenderá a temas de autismo e síndrome de down e, posteriormente, con xordomudos. Para a xerente “é un proxecto piloto interesante polo que significa integración de persoas, que acoden en menos intensidade aos museos. Nós non temos que esquecer que tanto na Coruña como na provincia temos unha poboación de 89.000 persoas con discapacidade. É unha cifra tan importante que nós como museo e como empresa queremos amosar especial interese”.