Pontevedra acolle o XVIII Encontro de Escritores Galegos, Bascos e Cataláns

Galeusca 2001

As literaturas galega, basca e catalá reuniranse este fin de semana en Pontevedra no encontro Galeusca 2001, encontro de escritores que alcanza xa a súa décimo oitava edición. Desde hoxe e ata o domingo, máis de cen autores das tres nacionalidades falarán sobre "A lectura: un espacio de creación", tocando temas coma a producción editorial e as repercusións tecnolóxicas na lectura do libro.

Tres linguas en diálogo


O encontro está organizado nesta ocasión pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e desenvolverase no Auditorio Caixanova da Cidade do Lérez. Miguel Anxo Fernán Vello, secretario da Asociación de Escritores, destacou que encontro está aberto a todos os creadores interesados.
Os encontros Galeusca celébranse anualmente e van rotando polas tres comunidades representadas neles. Logo de dezaoito anos constiuíronse nun dos foros máis destacados de encontro das culturas periféricas do Estado Español.
Segundo sinala Fernán Vello, os participantes no encontro consideran "a lectura como actividade fundamental, e detectamos unha crise neste paradigma", de xeito que nos debates tentarán analizar as posibilidades da lectura na Socidedade da Información.
Ademais de tratar a propia creación da obra literaria, os encontros servirán para intercambiar experiencias sobre o eido editorial, os índices de lectura e a vertente industrial do mundo do libro.












Foros e mesas


As xornadas ábrense hoxe mesmo cunha conferencia do escritor e catedrático Antón Figueroa sobre "Comunicación literaria, novas tecnoloxías e cultura única". Pola tarde desenvolverase un foro de debate arredor do tema "Lecturas e novos modos de comunicación", na que participarán o galego Arturo Casas, o basco Josu Landa e o catalán Martí Monterde.
Outro tema sobre o que se debaterá no encontro será o de "Libro e sociedade: O porvir da cultura", aberto a todos os interesados en participar.
De xeito paralelo, o sábado ás oito da tarde, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá o recital "Doce poetas de Galeusca" e o domingo ás doce e media da mañá haberá un festival de lectura viva a cargo de nenos e nenas.