Os autores animan coa súa presenza a Feira do Libro de Ferrol a través de coloquios e presentacións

Feira do Libro de Ferrol

Esta décimo sexta edición da feira do libro de Ferrol presenta un programa inzado de actividades e propostas nos seus nove días. A importancia da feira queda patente coa grande presenza de autores que participan no programa xa sexa presentando e asinando as súas obras, xa sexa participando nalgunha das sete mesas de coloquio que hai previstas. Os coloquios abordarán temas como “A narrativa recente en Ferrol” ou “ Entre a novela e a historia: Historias nunca contadas”, outras xirarán arredor da literatura infantil e xuvenil ou dos medios de comunicación, tamén haberá unha homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra. Na feira poderá asistirse á presentación de “O camiño Inglés en Galicia” (Edicións do Cumio), “O anarquismo na Galiza” (Edicións Positivas), “A vida que nos mata” ( Galaxia), de Xavier López López, “Diccionario mitológico y folclórico céltico”(Briga Edicións); a editorial Espiral Maior presentará os seus tres libros “Héleris”, de Carlos Negro,“Vogar de Couse”, de Alexandre Nerium e “Decrúa” de Estevo Creus. Alén dos mencionados serán moitos os autores que se porán á disposición do público nestes nove días para asinar os seus libros, na lista están, entre outros, Santiago Jaureguizar, Miguelanxo Prado, Ramiro Fonte e Mario Regueiro. A oferta feiral de maio complétase coa XIII Feira do Libro Antigo e de Ocasión que estará e Santiago até o 30 de maio e na que trece librarías de todo o Estado ofertarán na Alameda compostelá arredor de 70.000 volumes.

Máis información no Programa da XVI Feira do Libro de Ferrol