O programa da XXIII Feira do Libro de Santiago presenta dez días repletos de propostas e actividades

Dez días de feira

O alto nivel desta edición da feira queda patente coa presenza do Premio Nobel José Saramago, que pronunciará o pregón inaugural o sábado 1 de maio. Os dez días que estarán as trinta casetas presentes na Alameda a organización fai unha oferta de actividades que vai desde os obradoiros de reciclaxe e encadernación, ou de escrita creativa, até os coloquios e debates pasando por recitais poéticos, contacontos e teatro de rúa. As editoriais aproveitan para facer presentacións de libros. Poderá asistirse á presentación de “Intifada” (Fundación Araguaney), “Entre fronteiras”, de Xavier Alcalá (Galaxia), “O sarillo do tempo” ( Edicións Xerais), de Neira Vilas, “Do descoñecido ao descoñecido”(Espiral Maior) de Manuel Rivas; a editorial Lea presentará os seus dous libros “Caldeirada para dous (mortos)”, de Miguel Vila e “O xantar da memoria”, de Lois Caeiro e o escritor Sechu Sende fará o propio coa novela “Orixe” (Galaxia). Alén dos mencionados serán moitos os autores que se porán á disposición do público nestes dez días para asinar os seus libros, na lista están, entre outros, Santiago Jaureguizar, Agustín Fernández Paz, Suso de Toro e Rosa Aneiros. Dezaseis das casetas pertencen a librarías de toda Galicia, doce a entidades editoras, unha á asociación GALIX e outra á secretaría da feira, que cada día fará o sorteo dun lote de libros.

Máis información no Programa da XXIII Feira do Libro de Santiago