A pesar de que a revista "BD Banda" non conseguiu facerse finalmente co premio ao mellor fanzine, Galiza estivo presente máis ca nunca no Saló do Cómic de Barcelona, que se celebrou entre o seis e o nove deste mes de maio. Aínda con moitos proxectos por fechar, os autores galegos están a conseguir aos poucos situarse no punto de mira de editoras e revistas.
A estrela galega no salón foi a presentación do primeiro volume da serie "Os Heresiarcas" guionizada por Carlos Portela e con debuxo de Carlos Das Pastoras editado por Norma Editorial. A publicación do terceiro volume desta serie en Francia atrasarase en agarda de que Das Pastoras remate o seu proxecto co guionista chileno Alejandro Jodorowsky para a serie "Os metabaróns", xa que a editora ten a intención de aproveitar o tirón de vendas desta para potenciar o traballo dos galegos. Antes diso, e segundo explica Carlos Portela, en agosto chegará esta serie a Estados Unidos da man de DC Cómics, que "publican nun só volume a primeira e a segunda entrega ademais dunha historia curta en branco e negro". Mentres o debuxante asegura non ter ningún proxecto para alén de continuar con esta serie e completar o seu traballo con Jodorowsky, Portela sinala que continúa a traballar na nova versión de "Impresiones de la Isla" co debuxante Fernando Iglesias. O guionista agarda que esta serie vexa a luz en dous volumes dunhas oitenta páxinas para o vindeiro Saló. "En parte é o que se está a publicar semanalmente en 'Diario de Pontevedra' pero refeito. Hai páxinas que non van saír e outras que non existen e que aparecerán intercaladas. Tamén aparecerán historias curtas que fixéramos". Ademais, está a traballar co debuxante Sergi Sanjulián en novos proxectos destinados ao mercado francés que prefire non desvelar polo momento. Pola súa banda, Miguelanxo Prado sinalou que o seu vindeiro proxecto en banda deseñada é a historia que está a realizar para o Colexio de Arquitectos de Galicia, e apuntou que están a se ultimar os preparativos da vindeira edición de Viñetas desde o Atlántico.
Galicia desde o Sur
Unha das grandes sorpresas que nos achegou este salón foi a posta en marcha definitiva dun número especial da revista cordobesa "Dos veces breve" realizado integramente por galegos. O director desta publicación que se candidataba ao premio á mellor revista está xa a barallar os nomes dos autores que convidará a participar nesta iniciativa, que quere presentar este verán no festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña. "Estando en Galicia comezaron a presentarme autores e parecéronme todos moi bos, e pensei en facer un número especial", explica José Vicente Galadí, director do proxecto. "Eu xa teño dito, e así o defendín en diferentes foros, que a actual escola galega é a máis inxustamente esquecida de todo o Estado, talvez polo problema de que as publicacións estean en galego. Eu penso que agora que moitos deles van comezar a traballar en albumes é un bo momento para que a xente os coñeza e comecen a aparecer os fans de David Rubín, de Kiko da Silva... Penso que este número vai ser bo para a historieta galega, aínda que soa un pouco raro tendo eles tan boas revistas como teñen". Galadí defende ademais a existencia dunha escola galega "os autores son moito máis homoxéneos que noutras partes, empregan moito o verde, os elementos atmosféricos e hai un certo ruralismo común a moitas historias", sinala.
Finalistas
O acto de entrega de premios da noite do venres día sete frustraba as esperanzas de que unha publicación galega conseguise o premio ao mellor fanzine do ano 2003. A histórica candidatura de "BD Banda", que por segunda vez levaba unha revista en galego a esta final, foi desbancada polos madrileños do "Cretino". No entanto, tamén este fanzine contaba con representación do país, xa que o coruñés Javi Prieto colaborou no último número da publicación realizando unha historia de piratas. O resultado do certame non deixou de sorprender a moitos, xa que críticos e curiosos coincidían en afirmar a alta calidade da publicación do país, especialmente no que respecta ao número cinco, que Kiko da Silva presentou xa o xoves día seis no marco deste evento.
Presenza física
Aínda que os autores galegos que se achegaron ao Saló eran poucos, a presenza da novena arte do país non deixou de ser salientábel. Miguelanxo Prado, Das Pastoras, Carlos Portela, Kiko da Silva, Alberto Guitián e Santi Gutiérrez compuñan a práctica totalidade da nosa representación artística. En canto a postos de venda, de novo era Mariano Casas coa publicación "Tourolandia" o único que ocupaba un recanto na sección de fanzines. Entre as súas novidades estaba o número catro desta revista que recolle os traballos que os alumnos de ISO do colexio Fonte Díaz de Touro realizan durante o primeiro trimestre de cada ano no marco das súas clases. Casas presentaba ademais a primeira entrega da súa iniciativa "Una historia del montón". É esta unha pequena publicación na que vinte autores, na súa maior parte do país, participan na creación dunha historia continuando cada un deles as páxinas debuxadas polo anterior e sen ningún esquema previo. No propio salón estaban a circular as páxinas dunha segunda historia deste proxecto. No seu posto, para alén dos últimos números de "BD Banda" e de "Barsowia" podía verse o fanzine "Historias en servilletas", unha publicación desenvolvida integramente por Carmela, autora que xa participara ocasionalmente en "Golfiño".
Proxectos editoriais
Desde as editoras, Paco Camarasa de Edicións Del Ponent asegurou que para o vindeiro Viñetas desde o Atlántico verá a luz a versión de "Ubú Rei" na que está a traballar o compostelán Jaime Asensi. Amosou tamén a súa satisfacción pola recente selección de "Freda", realizado por Kike Benlloch e Alberto Vázquez para a lista de libros mellor editados do mundo. O director de Astiberri, Fernando Tarancón, asegurou estar ao corrente do traballo dos autores galegos ("se puidese publicaríaos a todos", asegura), e recoñece que existe un proxecto moi avanzado para publicar unha historia do ourensán David Rubín. Á agarda dos datos sobre a venda dos mil exemplares do álbum de Lewis Trondheim "O rei catástrofe" que esta empresa editou en galego, Tarancón amosou a súa intención de continuar editando nas catro linguas oficiais do estado. Para alén destas iniciativas, soan nomes galegos para diferentes proxectos que aínda non se queren dar a coñecer mais que, sen dúbida, darán que falar.