A Fundación Luís Seoane e a Xunta celebran o 25 aniversario da morte do artista

Entre carteis, gravados e pinturas

Hai 25 anos morreu en Galicia quen entendía a arte como compromiso; quen vía a cerámica como lugar de investigación e de presentación de heroes, reis, guerreiros, santos e mitos, reflexo da cultura galega. Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) finaba aos 69 anos deixando tras de si un legado artístico e social sen precedentes. Agora, A Fundación que leva o seu nome e a Xunta de Galicia celebran xuntas as vodas de prata do seu pasamento.

"A miña obra está dedicada en xeral a Galicia sempre co mellor de min" afirmou o propio Seoane. E esta filosofía de traballo arrecende en todas e cada unha das obras que o artista deixou nos seus 69 anos de vida. Para el a arte era compromiso, unha actividade necesaria para mellorar as condicións espirituais e materiais do home. Luís Seoane foi un dos artistas galegos con maior proxección internacional, e que soubo plasmar unha renovación total da plástica galega.

O artista
Luís Seoane é un dos grandes teóricos da arte galega, en parte porque vincula a arte á realidade da época (ao mundo da guerra e da posguerra que lle tocou vivir) e, en parte porque soubo adaptarse ás novas tendencias figurativas e as tendencias abstractas que viviu a arte en toda Europa.

Maside, Rafael Dieste, Eiroa, Iglesias Alvariño, Cunqueiro, Fole, Fernández del Riego, Ricardo García Suárez foron algúns dos amigos cos que compartiu faladoiros no histórico café Derby de Santiago; e con moitos deles compartiu algúns dos seus 27 anos exilio.

Moito do aprendido nas súas constantes viaxes por Europa, onde coñeceu a Henry Moore, onde presentou os seus óleos, acuarelas e gravados na Twenty Brook Street Gallery, condicionaron as súa plástica, aprehendendo as técnicas e achegándose aos movementos máis innovadores.

Á súa volta a Galicia en 1963 retoma o contacto tanto coas asociación culturais e políticas, alén de iniciar con Isaac Díaz Pardo (1968) un dos proxectos máis emblemáticos da cultura galega o "Laboratorio de Formas". Foi a forma de entender que a arte era unha indagación da relación do home co mundo, que nace da visión interior do artista e que pode achegar o seu grande de area para renovar a sociedade e a vida. Un ideal que se concretou unha linguaxe-mensaxe que tiña varias ideas centrais: a valoración dos traballos do campo e do mar; a presenza das mulleres (como muller esperanza logo da emigración e como muller-mater, nunha representación antropolóxica) e, por último, como reflexo da angustia vital, os estados de ansiedade do pobo.

O congreso
Moitas destas formar de pensar, e de plasmar na súa pintura e gravado, son as que se recuperan no congreso que a Dirección Xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia e a Fundación Luís Seoane propoñen para os días 26 e 27. Unhas xornadas que se centran en tres piares: o compromiso, a estética e as reflexións culturais, sociais xurdidas arredor do grupo de intelectuais que se reunían no café Tortoni en Bos Aires.
A estas xornadas non son os únicos previstos para conmemorar a efeméride do artista coruñés, xa que a propia fundación ten ideado unha serie de 25 actos, aínda sen concretar, que se prolongarán durante todo o ano.

A Fundación
A fundación creouse en 1996 tras a sinatura dun protocolo entre a viúva de Luís Seoane e o propio concello coruñés. Foi este quen asumiu o compromiso de proporcionar unha sede estábel para a difusión da obra do artista en particular e a promoción da arte contemporánea en xeral. En parte, non foi outra cousa mais que recuperar o entusiasmo, o interese é a actividade que o propio Seoane desenvolveu na súa vida.

O centro naceu coa vocación de ser un espazo difusor da arte e da cultura contemporánea, que non pretendía ser acubillo da obra do artista (nos traballos de conservación, divulgación e estudo) senón que quería recuperar o espírito vivo do que o propio artista deixou constancia ao longo da súa vida. Por iso o centro quería estar aberto ás manifestacións artísticas mais actuais.

A fundación naceu con sede provisional en 1996, sendo director da mesma Alberte Fernández Alegre, etapa que se culminou coa inauguración do edificio definitivo. Esta primeira etapa caracterizouse por unha falta de actividade museística, que quedaba lonxe dos obxectivos marcados nos estatutos. O punto de inflexión chegou o padroado 10 de febreiro cando o padroado da fundación nomeou como directora a Silvia Longueira. A xornalista e historiadora asumiu o mandato comprometéndose a darlle ao centro a dimensión precisa, insistindo en recuperar a impronta de Seoane. Algo que se traduce nunha programación continuada, ao mesmo tempo que se continúa co labor de investigación e difusión.