Infobrion.com explora as posibilidades que ofrece a rede para dinamizar a vida social e cultural dunha localidade pequena

A aldea na rede

Meter a aldea na rede. Esta é a idea básica que guía infobrion.com, un proxecto que pretende aproveitar as posibilidades da rede para artellar socialmente o Concello de Brión. A recuperación da memoria histórica e das tradicións, a implantación de Internet nos centros educativos e a difusión desta tecnoloxía entre a poboación son os principais eixes desta iniciativa, nacida no seo da Universidade de Santiago. Esta tarde farase a presentación oficial do proxecto, que quere involucrar toda a poboación da zona.

Infobrion.com é unha web que, xestionada pola propia comunidade de habitantes de Brión, quere servir coma elemento de dinamización social e poña en valor a cultura e a historia da vila. "Infobrion.com naceu no seo do Grupo de Investigación Socio-Territorial (GIS-T) da Universidade de Santiago en colaboración co Grupo de Investigación en Novos Medios da mesma Universidade", cóntanos por correo electrónico Carlos Ferrás, director do proxecto. "A idea xurdiu no marco dunha estratexia de intervención social para vencer a fenda dixital en Galicia". A escolla de Brión débese en boa medida ao feito de ser un concello no que conviven o mundo rural e urbano, e no que se mesturan as urbanizacións nas que viven veciños procedentes de Santiago con parroquias de economía agrogandeira. "Pensamos que as sinerxías e retroalimentacións entre ambas as dúas comunidades poden ser moi positivas. Alén diso, Brión conta cun volume demográfico duns sete mil habitantes, o que representa un tamaño manexábel para os nosos obxectivos iniciais". Un completo servizo de noticias, axenda e recursos educativos son os contidos básicos da web, que se artella arredor de tres eixes principais.

Folk Project
Recuperar as tradicións locais e promover a investigación sobre a cultura popular e a xeografía humana de Brión por parte da propia comunidade é un dos tres eixes temáticos do proxecto. O Brión Folk Project quere recoller na web material documental, fotográfico, videográfico ou sonoro sobre tradicións, historia local, personaxes célebres ou historias vitais de veciños de idade. A idea é que sexan asociacións e colectivos xa existentes na comunidade, coma a banda de música ou as asociacións culturais os que se encarguen de recoller este material, que se almacenará, ademais de no web, nun arquivo situado na Casa da Cultura do concello onde estará a disposición de estudosos da cultura e do público en xeral. Ademais deste arquivo, o proxecto contempla tamén a posta en marcha do Museo do Leite, que recollerá a importancia do sector leiteiro para a comarca.

Aulas multimedia
A plena integración das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino da zona é outro dos obxectivos de infobrion.com. A elaboración de materiais educativos que aproveiten as posibilidades da rede e a posibilidade de ofrecer información continua sobre as actividades que se realizan nos centros ou materiais multimedia para as aulas. "Actualmente xa comezaron a traballar o Centro de Educación Infantil e de Primaria de Pedrouzos e o Instituto de Educación Secundaria de Viceso-Esparís", lembra Carlos Ferrás.

Alfabetización dixital
Finalmente, o terceiro proxecto marco de infobrion.com quere conseguir que a maior parte da poboación do concello poida manexarse axeitadamente coas novas tecnoloxías. Na actualidade está en marcha un programa de alfabetización dixital no que se imparten cursos intensivos de xestión editorial de infobrion.com e se fan demostración s e seminarios especializados en comercio electrónico, correo-e, foros, chats ou fotografía dixital entre outras cuestións. O ensino organízase "a través dun programa de dinamización social levado a cabo por técnicos e investigadores dos centros de ensino", sinala Ferrás. "O noso método baséase no efecto demostración, polo cal imos traballando en pequenos grupos con experiencias piloto que logo perfeccionamos e estendemos pouco a pouco". Polo de agora a comunidade escolar de Brión e o concello son os axentes que están máis vencellada con esta iniciativa. Escolares, persoal docente e pais e nais de alumnos, onda os traballadores da casa consistorial son polo de agora os máis implicados no proxecto.

Multiplicación
Polo de agora a única experiencia semellante da que teñen constancia os promotores do proxecto é a existente en Cork, Irlanda. Sen embargo, desde o GIS-T non queren que infobrion.com sexa un caso illado. "A nosa intención é promover o desenvolvemento de experiencias similares noutros concellos e comarcas, párao que pretendemos desenvolver unha transferencia de técnicas e coñecementos desde a Universidade cara a sociedade", apunta o director do proxecto. "Hai que ter en conta que estamos creando un cualificado equipo técnico especializado no desenvolvemento de programas de difusión das tecnoloxías de información e da comunicación que poderán traballar en calquera lugar de Galicia".