Pontevedra prepara un festival de cinema e Vigo acolle un ciclo de fantasía

Cultura, cinema e fantasía

Pontevedra acollerá en setembro o seu primeiro festival de cinema, que estará orientado fundamentalmente cara as culturas mintoritarias que se atopan en situacións semellantes á galega. Por outra banda, en Vigo están en marcha desde onte as Primeiras Xornadas de Cinema Fantástico de Vigo, que traerán á cidade algun dos filmes clásicos do xénero e analizará as características do mesmo.

Cinema Pontevedra


Setembro é o mes escolleito nun comezo para a celebración do I Festival de Cinema de Pontevedra. Segundo Iván Prado, un dos organizadores, con esta actividade preténdese consolidar Pontevedra como "cidade cultural alternativa". O ciclo estará centrado no cinema daquelas culturas nunha situación semellante á galega. Así, poderán verse películas bretonas, catalás, bascas e maoríes entre outras. O espacio para os filmes de ficción estará estructurado en tres seccións, "Galeuzca", "A outra europa" e "Os pequenos mundos", de alcance ibérico, europeo e mundial. Tamén haberá unha sección documental dedicada a temas sociais. Este primeiro ano os escolleitos son a emigración e a ecoloxía. O certame non pretende ser competitivo e o "Premio á diversidade" entregarase segundo os votos do público asistente ás sesións.


Vigo fantástico


Vigo acolle desde onte as Primeiras Xornadas de Cine Fantástico, organizadas por barios afeccionados en colaboración con Caixagalicia e a Escola de TV do Marcote. Nas xornadas, ademais de proxectar clásicos coma "Os inocentes" ou "A Cousa", pronunciaranse varias conferencias que tratarán a fondo as características do xénero. Se onte José Ángel Regueiro explicaba qué é o cinema fantástico e qué o diferencia doutros xéneros, hoxe será Óscar Suárez quen analize os elementos dun guión dese estilo incluíndo un exercicio práctico de guionización. Mañá o brasileiro Ricardo Spencer, o mellor especialista en efectos especiais de Galicia, fará unha demostración do seu arte e explicará como se realizan estes efectos de ilusionismo. Unha das peculiaridades das xornadas é que os asistentes ás primeiras sesións poderán escoller cales serán as películas que se proxectarán.