Idoia Cuesta e Soledad Penalta diante das súas peza na Illa das Esculturas. Fonte: Deputación de Pontevedra
Este 23 de abril a Deputación Provincial fechaba os actos da XXXII Bienal de Pontevedra coa inauguración de dúas novas pezas na Illa das Esculturas da Capital do Lérez. Mirando inacabable de Soledad Penalta e El peso de la memoria de Idoia Cuesta incorpóranse así a este parque de esculturas ao aire libre, logo de meses de demora na súa instalación por problemas burocráticos.
Segundo informa a Deputación, Mirando inacabable, de Soledad Penalta, "é unha escultura monumental que apunta ao infinito a través dunha sucesión de formas modulares en granito que remiten vagamente á xeometría de avións de combate. Reflicte o conflito contemporáneo ao mostrar a tensión e inseguridade da nosa época e a fraxilidade ante un futuro incerto".
Pola súa banda, El peso de la memoria "é unha figura de pedra de máis de tres metros de altura que Idoia Cuesta pensou para a Illa das Esculturas. A súa forma lembra un corpo humano en tensión, coma se tentase avanzar, manterse erguido ou alzar a voz. Varias cordas de cor vermella, tecidas á man, envólveno por completo, inmobilizándoo. A obra constrúese desde unha relación directa co corpo e coa materia, e o xesto de trenzar, apertar ou suxeitar cárgase de sentido".
As dúas esculturas encádranse na temática "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais", que marcou a edición de retorno da Bienal de Pontevedra logo de 15 anos sen se celebrar. As pezas adquiridas pola Deputación de Pontevedra quedarán instaladas de xeito permanente neste espazo promovido por Rosa Olivares e Antón Castro e que abriu en 1999.
O traspaso de competencias en ordenación e xestión do litoral do Goberno Central á Xunta de Galicia e a sucesión de temporais deste inverno impediu a colocación das pezas, prevista inicialmente para o pasado mes de novembro.



