'Lua de cores' Menchu Lamas
A sala municipal de exposicións Antón Rivas Briones do Concello de Vilagarcía de Arousa acolle ata o 24 de maio a exposición 'Espiral da cor' da artista Menchu Lamas (Vigo, 1954). Esta mostra, a primeira en solitario de Lamas en Vilagarcía, recolle obra realizada pola pintora neste século. Todas elas son obras de gran formato nas que as cores mandan e incide na súa linguaxe iconográfica característica composta de espirais, siluetas e mans.
Lamas é unha das figuras representativas da arte galega actual e un referente da pintura contemporánea española, co-fundadora do esencial grupo Atlántica en 1980. Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010, a viguesa expuxo por todo o mundo e obra súa colga en coleccións como as do Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, o Reina Sofía, o Parlamento Español e o Parlamento de Galicia, así como as das fundacións La Caixa, Juan March, Afundación e a Thomas de Munich, entre outras moitas.



