Antón Patiño presenta a exposición 'Auga e Soño' de obra recente

O Palexco na Coruña exhibe a mostra ata o 12 de abril

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurou a exposición, xunto a comisaria da mostra, Rosario Sarmiento, e o propio artista,

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurou a exposición, xunto a comisaria da mostra, Rosario Sarmiento, e o propio artista,

A Sala Municipal de Exposicións de Palexco na Coruña acolle desde onte a mostra 'Auga e Soño', a nova exposición individual do artista Antón Patiño (Monforte, 1957), figura fundamental da arte plástica galega e española contemporánea e membro destacado da xeración de Atlántica. A mostra está comisariada por Rosario Sarmiento e reúne unha selección de obras recentes, fundamentalmente creadas nos dous últimos anos, e concibidas expresamente para o espazo de Palexco. Trátase de pezas de gran formato nas que Patiño desenvolve o seu característico vocabulario de "emblemas primordiais", signos-raíz, pegadas, grafías e rostros que conforman unha linguaxe persoalísima, resultado dunha longa traxectoria marcada pola investigación plástica, a reflexión intelectual e unha profunda conciencia do acto de pintar. 

A comisaria Rosario Sarmiento destaca no texto do catálogo que Patiño "verte ao exterior un mundo absolutamente persoal, construído cunha caligrafía pictórica que combina a abstracción máis radical con fragmentos do real". A mostra permite percorrer, segundo a comisaria, un discurso plástico que explora límites, espazos e esencialidades, no que conviven materia, mancha, ritmo e cor nun proceso de depuración conceptual e expresiva. Patiño -poeta, ensaísta, investigador e membro destacado da xeración de Atlántica- ofrece nesta nova proposta unha síntese do seu pensamento artístico, un percorrido pola súa xeometría líquida e pola súa permanente procura desa "nomeación da realidade" que, segundo expresión do propio artista, define o acto de pintar. A mostra 'Auga e Soño' poderá visitarse no horario habitual da Sala Municipal de Exposicións de Palexco ata o 12 de abril de 2026.

Que che parece esta nova?
109 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Antón Patiño, A Coruña, Rosario Sarmiento, Exposicións...