No ano 2014 un temporal provocou importantes desprazamentos de material na praia de Arealonga (Barreiros), revelando un antigo bosque soterrado baixo as augas. Entre os restos de fauna e flora que apareceron alí destacou unha mandíbula humana que acaba ser datada polo Laboratorio de ADN Antigo do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (Universidade da Coruña). A mandíbula humana ten unha antigüidade de 3.000 anos, situándose culturalmente ao final da Idade do Bronce. Trátase dun período no que o volume de restos humanos conservados é moi reducido, ao igual que o seguinte da Idade do Ferro, por mor da acidez do solo galego. Neste momentos os investigadores están a comparar os restos con outros exemplos humanos e diferentes análises que poidan determinar o medio ambiente do individuo, ou mesmo a súa procedencia ou orixe. A paleontóloga Gloria González Fortes impartirá unha conferencia en Reinante o sábado ás 18 horas para dar conta dos achados de Arealonga.


