A Asociación Cultural Autobán organiza entre os días 23 e 25 de abril a duodécima xeira do encontro de autoedición Autobom. Unha feira de fanzines, con preto de 30 proxectos e un cento de títulos preséntase como a principal actividade do programa, xa na xornada de feche.
O local social da Revolteira abre as actividades cun obradoiro de creación de fanzines ao que seguirá, o día 24, unha proba de materiais de debuxo na tenda Jaspe Art. Para o 25, de novo na Revolteira, a feira de fanzines estará acompañada dun faladoiro sobre "Espazos de autoxestión e autoedición" moderado por Xoana Pousa, e no que participan Raquel Montero e Simone Virgini de Espazo Boh en Compostela, e Brais Rodríguez de O Rocho en Ourense.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e mais o Vaia Vaia, evento de autoedición de Lugo, protagonizarán dúas palestras na mesma xornada. A sesión da mañá finalizará co encontro de experiencias de autoedición "Edita e autoedita”, con David Calviño de Edicións Baixo Terra e Rosa Espiñeira de figurandorecuerdos, moderados por Luis Yang.
Na tarde da xornada desenvolverase o AutoLab, actividade de debuxo de BD experimental ao que seguirá o obradoiro teórico-práctico "Como editar libros na casa”, a cargo de María Ramírez de Afacería. Un xantar popular, o xa habitual torneo de Brilé Brutal e unha festa de feche completan as propostas da edición.



