Imaxe conmemorativa do 25 aniversario do CGAC en 2018
A remuda da dirección do CGAC iniciada pola Xunta de Galicia usando un proceso dirixido a funcionarios e por libre designación non deixa de sumar voces contrarias desde o mundo da arte galego e estatal. A través dun comunicado público dirixido ao Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e ao Director Xeral de Cultura de la Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a Mesa Sectorial del Arte Contemporáneo (MSAC) ven de expresar a súa preocupación polos termos nos que se está a levar a cabo a renovación do cargo de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea por parte do goberno autonómico. A Mesa Sectorial é un órgano representativo do conxunto de asociacións do sector artístico a nivel estatal, integrada pola Asociación de Directoras y Directores de Museos y Centros de Arte Contemporáneo de España (ADACE), Consorcio de Galerías de Arte Contemporáneo, Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural (FEAGC), Instituto de Arte Contemporáneo (IAC), Asociación de Mujeres en las Artes Visuales (MAV), e Unión de Artistas Contemporáneos de España (Unión_AC).
A MSAC indica que tras seguir as recentes informacións publicadas en distintos medios de comunicación sobre o proceso de selección da dirección del Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ve con preocupación a publicación da Relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do 3 de marzo de 2026 na que se incluíu a Dirección do CGAC como un posto reservado a funcionarios ou funcionarias de carreira, situación corroborada pola convocatoria do 8 de abril de 2026, para cubrir a praza. A MSAC entende que a dirección dunha institución como esta debe proveerse de acordo co código de boas prácticas aprobado en 2008 pola Mesa Sectorial e polo Ministerio de Cultura (Orden CUL/3520/2008), mediante un proceso de selección aberto, público e baseado na valoración da traxectoria profesional e do proxecto presentado polos candidatos e as candidatas.
A Mesa Sectorial considera que "a natureza e especificidade da dirección dun museo ou un centro de arte contemporánea requiren un perfil profesional especializado", polo que entende que este tipo de responsabilidade "debe resolverse mediante convocatorias abertas a profesionais do ámbito artístico e cultural, evitando fórmulas que poidan ser excluíntes, limitar a concorrencia ou desdebuxar o carácter propio da función directiva".




