Inauguración da exposición 'Absurdo. Iván Prieto y Zësar Bahamonte' en DUPLA Foto: Galería DUPLA
O Consorcio de Galerías de Arte Contemporáneo ven de convocar a nivel estatal unha acción de protesta contra a negativa do goberno estatal á hora de implantar un IVE cultural reducido que inclúa a distribución comercial de arte, como xa ocorre noutros países europeos. Actualmente non existe esta diferenza en España, que mantén un tipo do 21% para o comercio de arte, mentres en Francia, Portugal, Alemaña ou Italia teñen tipos de entre o 5 e o 7 por cento. Nese marco as galerías que forman parte da Asociación Contemporánea de galerías de Galicia secundarán a acción pechando as súas portas ao acceso público entre os días 2 e 7 de febreiro e paralizarán as súas cooperacións habituais con institucións públicas e privadas.
Son en total dez galerías de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Vigo as que en principio responden a esta acción estatal. Na capital galega secundan a protesta Trinta, Dupla, Metro e Luisa Pita; Moret Art, Nordés e Vilaseco en A Coruña; Marisa Marimón en Ourense; Néboa, en Lugo e PM8, en Vigo. Todas elas pecharán o acceso ao público en xeral das súas exposicións, continuando a súa actividade laboral a porta pechada. Segundo o comunicado do Consorcio, isto supón "pechar o museo máis grande de España", deixando durante unha semana de ser espazos culturais gratuítos. Ademais a acción de protesta inclúe tamén unha paralización durante un período de tres meses de levar a cabo calquera colaboración gratuíta con institucións públicas e privadas de España. Nese sentido sinalan a labores habituais e sen remuneración como son "localización de coleccionistas para préstamos ás institucións, entrga de material gráfico, busca de arquivo, xestión e coordinación de transportes, asesoramento en montaxes, etc".



