As galerías galegas afianzan a súa aposta por feiras alternativas a ARCO

Unicamente Nordés continúa na grande cita da arte contemporánea estatal

A presenza de galerías galegas en ARCO, a principal feira de arte contemporánea a nivel estatal, continúa reducida á firma compostelá Nordés, que xa fora tamén a única que participou da cita nos últimos anos. A feira celébrase en Madrid entre os vindeiros 5 e 9 de marzo. A coincidir con esta cita, no entanto, son varias as propostas galegas que desembarcan na capital española mediante eventos paralelos dedicados á arte.

Canda ás propostas de Nordés, en ARCO poderá verse tamén a obra Vento que o colombiano Alberto Baraya pintou sobre a vela dun bote polbeiro mentres navegada pola Ría de Pontevedra. A peza fai parte ata o vindeiro 2 de marzo dunha exposición no Museo Provincial da Capital do Lérez.

A feira Art Madrid, que se celebra de xeito paralelo a ARCO, suma a presenza da compostelá Metro, con obras da galega Ana Pérez Ventura. Canda a ela, recuncan na cita Luísa Pita (Santiago), que amosará o traballo de Juan Adrio, e Moret Art (A Coruña), con propostas de Iván Prieto, Miguel Piñeiro, Toya García Senra e Xurxo Gómez-Chao como nomes do país.

Hybrid Art Fair, que se desenvolve entre o 6 e o 9 de marzo, incorpora a coruñesa Atlanticamente, con obras de Manuel Suárez, Juanitos e Raul Álvarez, e mais a asociación pontevedresa Refugallo, que achega traballos de Candela Eirea Orro e Blanca Castro Ponce. Na pasada edición participaran deste evento La Doce, de Boiro, e Sarao Studio de Ferrol.

Na listaxe de feiras, destaca a caída de propostas galegas en Justmad, que na pasada xeira contou con catro galerías do noso país (Maria Marimón, Trinta, Metro e Ladoce) e á que nesta ocasión non acode ningunha. A galería compostelá Trinta troca esta aposta pola presenza en UVNT Art, entre os días 6 e 9. A viguesa Montenegro, pola súa banda, será neste ano un dos 18 expositores que fan parte do Salón de Arte Moderna (SAM), que se celebra do 4 ao 9 de marzo.