Madrid acolle, entre os vindeiros 4 e 8 de marzo, a principal feira estatal de arte contemporánea, ARCO. Ao igual que nos últimos anos, unha única galería galega, a compostelá Nordés, representará a creación do noso país no encontro. As firmas do sector continúan a apostar polas citas paralelas que se celebran na capital estatal a coincidir con este evento.
Canda a Nordés, a creación galega ocupa un lugar destacado nesta edición de ARCO co traballo das firmas de arquitectura Manuel Bouzas + salazarsequeromedina, que deseñaron o Guest Lounge do evento en IFEMA, recinto que acolle a actividade.
En Art Madrid, outra das citas destacadas que se desenvolven en Madrid a coincidir con ARCO, recuncan nesta xeira as galerías compostelás Luisa Pita e Metro canda á coruñesa Moret Art, e súmase a representación galega PM8, de Vigo. Recupera tamén presenza a arte galega en Just Mad, que o ano pasado non tivera representación do país e nesta xeira conta con a galería viguesa AF no apartado Just Solo.
Pola súa banda, Hybrid Art Fair conta coa fisterrá Casa das Peritas, o que supón un descenso na participación do país, que o ano pasado achegara tres propostas ao encontro e en 2024 catro. Continúa, en todo caso, unha alta rotación na asistencia, sen proxectos que repitan na cita dun ano para outro. A cita UVNT Art, á súa vez, renomeada nesta ocasión CAN Art Fair, acollerá cun posto da compostelá Trinta. O Salón de Arte Moderna (SAM), ao que en 2025 acudira a viguesa galería Montenegro non conta nesta xeira con representación galega.




