Galerías de arte e Colección Abanca dialogan en Territorio Contemporánea

O proxecto expositivo ofrecerá unha colaboración que porá en diálogo aos artistas actuais co fondo da colección

O proxecto expositivo ofrecerá unha colaboración que porá en diálogo aos artistas actuais co fondo da colección
Durante a presentación interviñeron Lucía Carballeda Suárez, directora da galería Dupla; Luísa Pita, presidenta de Contemporánea e directora da galería Luisa Pita; e Diego Cascón, comisario do proxecto. Foto: Asco. Contemporánea
A asociación de galerías de arte Contemporánea presentou hoxe en colaboración con Abanca o proxecto expositivo Territorio Contemporánea 2025. Esta iniciativa está directamente relacionada co evento Aberto, presentado a semana pasada pola asociación e co que coordinan a inauguración da temporada expositiva nos dez espazos que forman parte deste colectivo por toda Galicia. Neste caso Territorio Contemporánea 2025 encherá de arte o Centro Obra Social de Abanca na Praza de Cervantes da capital galega con dúas propostas simultáneas. A planta baixa do edificio está ocupada por unha mostra que actuará como extensión das dez exposicións que forman parte de Aberto nas galerías, incluíndo alí dúas obras de cada una delas (20 en total) dos artistas que estarán nese momento nas galerías.

A segunda proposta ocupara a segunda planta do edificio e preséntase como un diálogo entre pezas, neste caso as galerías achegarán obras dos seus fondos que compartirán espazo e lectura con pezas da extensa colección de arte contemporánea da Colección Abanca, xerando conexións inéditas entre creadores e contextos. O comisario do proxecto será Diego Gascón, que selecciona dos fondos de Abanca obra de autores consagrados como Chagall, Barceló Elena Almeida ou outros moitos, ata oito, que compartirán posibles lecturas de comunicación con nove obras seleccionadas dos fondos dos artistas representados polas galerías. A exposición abrirase o vindeiro 25 de setembro e ocupara estes dous espazos ata finais de xaneiro de 2026.