Momento da entrega do galardón. Foto: Asociación Abril de Lume e Ferro
O galardón Premio Mártires de Carral, promovido pola Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro do concello de Carral, ten como obxectivo recoñecer traxectorias exemplares de compromiso coa cultura, coa defensa das liberdades e coa recuperación da memoria colectiva. Nesta edición, a entidade quixo salientar de maneira especial a figura de Xesús Santos (Asados, Rianxo, 1936) "pola súa dilatada, constante e xenerosa traxectoria ao servizo da cultura galega, así como polo seu firme compromiso coa transmisión da memoria histórica ás novas xeracións". Santos, mestre, dramaturgo e investigador, desenvolveu unha ampla e recoñecida carreira no ámbito educativo, exercendo como mestre durante décadas e deixando unha fonda pegada no seu alumnado e na comunidade.
Ä súa faceta profesional como educador, Xesús Santos sumou unha intensa actividade cultural, caracterizada pola súa implicación directa na dinamización social e cultural do territorio. Membro do histórico grupo teatral Teatro Airiños de Asados, destacou pola súa participación activa no movemento teatral amador, contribuíndo tanto desde o escenario como desde a organización e promoción de iniciativas culturais. No eido da investigación e da divulgación, é coautor, xunto a Xosé Comoxo Rodríguez, de diversas publicacións que supuxeron unha achega fundamental á recuperación e difusión da historia de Rianxo, contribuíndo a preservar a memoria colectiva e a reforzar a identidade local. Así mesmo, Xesús Santos forma parte da Comisión Pola Recuperación Da Memoria Histórica Do Barbanza, entidade na que foi distinguido como republicano de honra en recoñecemento ao seu compromiso firme e continuado coa dignificación das vítimas e coa recuperación da memoria democrática. O homenaxeado recibiu este recoñecemento o venres 17 de abril no Concello de Carral nun acto que puxo de manifesto o alcance e a proxección do seu labor máis alá do ámbito local.


