A Consellería de Medio Ambiente fixo público o Catálogo de Patrimonio do Litoral galego, xa accesible desde o sitio web, un dos primeiros pasos da nova competencia de xestión do litoral asumida pola Xunta. O catálogo, dividido por concellos, presenta 2.000 construcións catalogadas. Os elementos máis numerosos son os bens arquitectónicos (855), seguidos dos arqueolóxicos (584), os etnográficos (366), os industriais (186) e os artísticos (12). A Coruña é a provincia con máis elementos catalogados (988), seguida de Pontevedra (835) e Lugo (180). O Catálogo foi aprobado pola Xunta o 30 de marzo e publicado posteriormente. Para realizalo, botouse man do inventario realizado pola Xunta en 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público. O catálogo foi sometido a trámite de información pública a partir do cal se incorporaron 527 bens adicionais e se eliminaron 106. Máis da metade dos bens, segundo a Xunta, " son susceptibles de sufrir cambios de uso para destinalos a un fin distinto daquel para o que foron orixinalmente concibidos a través de proxectos de revitalización, sempre que a intervención a executar respecte e preserve os principais valores polos que foron merecedores de catalogación".
Presentamos unha ferramenta que permite a exploración do Catálogo do Patrimonio do Litoral, elaborada a partir do inventario público publicado en documentos pdf por concellos. O Catálogo permíteche buscar os elementos xeolocalizados, filtralos por tipo de elemento ou por provincia e concello. Cada ficha remíteche ao orixinal en pdf no que podes ver as fotografías e delimitación do ben, canda outra información.




