'As cidades de Colmeiro' preséntanse en Lugo

A exposición ofrece exemplos de como as cidades onde residiu o artista impactaron na súa obra

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
'As cidades de Colmeiro' preséntanse en Lugo

O Museo Provincial de Lugo acolle ata o 31 de maio a exposición ' As cidades de Colmeiro'. Este proxecto expositivo, que xa estivo en Vigo, pretende ofrecer un punto de vista  distinto sobre a obra de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) a partir da análise do impacto das cidades na obra do pintor. A través dun percorrido por escenarios como Buenos Aires, Vigo, París, Lugo, Ourense, Bilbao ou Ámsterdam, o público descubrirá como o artista reformulou a temática popular galega, de base agraria, utilizando chaves formais da figuración europea de entreguerras e unha intensa sensibilidade social.

A colección céntrase en obras sobre papel que abranguen un amplo abano temporal, desde pezas de 1919 ata os anos sesenta. Entre os traballos destacados atópanse Atardecer (1920) de Buenos Aires, a Vista de Lugo con Muralla (1934) ou o Porto de Vigo (1936), que exemplifican esta perspectiva. Alén diso, a estes aspectos o noso pintor acrecenta unha intensa sensibilidade social, xa presente nas súas primeiras obras. A súa orixe labrega e esta ligazón ás súas paisaxes nativas é formulada non só no mundo rural onde naceu senón en grande medida nas cidades onde o artista viviu e que, como non podía deixar de ser, marcaron a súa obra, principalmente Buenos Aires, Vigo e Paris. No entanto, as características dos traballos realizados por Colmeiro con temas orixinados nas cidades son ben diferentes, modulados pola situación de vida do pintor e pola relación que estabelece co medio urbano.

Que che parece esta nova?
108 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Claves