Santiago invita a coñecer a cidade a través das relacións persoais que deixaron pegada histórica

A iniciativa, integrada no ciclo de Itinerarios Patrimonio C, desenvolverase entre abril e xuño con seis paseos guiados gratuítos

| Santiago. Redacción | Seccións: SociedadeHistoriaPatrimonio
Compartir:
Santiago invita a coñecer a cidade a través das relacións persoais que deixaron pegada histórica

O Concello de Santiago de Compostela lanza unha nova edición dos Itinerarios Patrimonio C que, desta volta baixo o título ‘Compostela Des-parellada’, convidan a redescubrir a cidade desde unha perspectiva pouco habitual: a das relacións humanas que deixaron pegada no seu desenvolvemento histórico e social. Trivium, a entidade que deseñou e conduce estas rutas comentadas, é a mesma que leva a cabo o programa de visitas Patrimonio Invisible.  Ao longo dos percorridos, o público poderá achegarse a episodios e figuras que, en moitos casos, permanecen fóra dos relatos máis convencionais, transformando as rúas nun escenario onde memoria e patrimonio se entrelazan.

Entre os contidos que se abordarán, destacan relacións marcadas polo poder, como a de Xelmírez e a raíña dona Urraca, cuxa ambición compartida —e tamén confrontada— resultou determinante para o papel político e espiritual de Compostela. Os itinerarios tamén abrirán espazo para a recuperación da memoria e das historias silenciadas, a través de figuras como as irmás Fandiño ou a relación entre Díaz Baliño e Ánxel Casal, exemplos do papel da cultura e da resistencia en contextos adversos. A dimensión literaria e simbólica da cidade estará presente nos vínculos entre Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ou entre Valle-Inclán e Otero Acevedo, que permiten achegarse a unha Compostela tamén construída desde o pensamento e a creación. E nos percorridos aínda hai tamén lugar para historias de pioneiras que abriron camiño para as mulleres na ciencia, como a das irmás Elisa e Jimena de la Vega, cuxo vínculo transcendeu o familiar para converterse en motor de transformación social.

 

Os paseos, que serán conducidos por Emma Gutiérrez Castro, desenvolveranse os días 22 de abril; 6 e 20 de maio; e 3, 10 e 17 de xuño, sempre ás 19.30 horas. A participación é de balde, con inscrición previa a través da web de Compostela Cultura a partir do venres 17 de abril ás 12.00 horas. Teñen unha duración aproximada de hora e media e o punto de saída de cada un deles enviarase ás participantes xunto coa confirmación da reserva da praza.

Que che parece esta nova?
81 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Patrimonio Invisible, Concello de Santiago de Compostela, Trivium, Ánxel Casal...