A Illa de San Simón volve ser o escenario da residencia audiovisual Conecta Lab, que ata o 20 de abril impulsará seis proxectos cinematográficos en desenvolvemento a través dun programa intensivo de titorías e actividades profesionais. A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, inauguraron onte o encontro dando a benvida aos asistentes seleccionados. Ademais, ao longo da semana, a programación completarase cunha serie de actividades paralelas que incluirán clases maxistrais en colaboración coa asociación DAMA, así como encontros profesionais e espazos de intercambio entre participantes e persoas convidadas.
Nesta cuarta edición de Conecta Lab resultaron seleccionadas seis propostas de producións audiovisuais cos seus creadores. Alfonso Zarauza e Ledicia Sola con Islandia, unha ficción sobre a reconstrución persoal dun home atravesado pola perda; Ariel F. Verba con El Parpadeo, unha proposta de carácter íntimo arredor da memoria e do arquivo familiar; Alba Sueiro con Barceloneta Free Tour, un proxecto que aborda desde o documental a transformación urbana e a turistificación; Luis Avilés e Ángela Andrada con ZOOS, un relato coral de ficción ambientado en Vigo sobre exclusión e precariedade; Carlos Martínez-Peñalver con Fulgor, unha historia que vincula pasado e presente a partir da investigación sobre un músico desaparecido; e Anita Pico con Shido, tamén de ficción, centrado no conflito identitario e na presión competitiva no ámbito deportivo. No seu conxunto, as propostas ofrecen unha mostra diversa do audiovisual contemporáneo, con traballos que dialogan entre a ficción e o documental a partir de cuestións como a identidade, a memoria, o territorio ou os procesos de transformación social. O equipo de titorías está integrado desta volta por Oskar Alegría, Juana Macías, Luis López Carrasco, Ana Sanz-Magallón e Álvaro Vega, que acompañarán os proxectos tanto nos seus aspectos narrativos como nas estratexias de comunicación e presentación.



