INTERSECCIÓN ofrece perspectivas heteroxéneas sobre a arte audiovisual contemporánea

A creación galega acada un maior protagonismo nesta terceira edición do festival

O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea INTERSECCIÓN celebrará a partires do vindeiro 28 de outubro e ata o 1 de novembro a súa terceira edición na Coruña. Este encontro preséntase coma un espazo de visibilidade para creadoras audiovisuais innovadoras que pretenden mostrar a diversidade formal e conceptual no panorama das prácticas artísticas e audiovisuais contemporáneas. Mantendo a súa perspectiva de cita internacional INTERSECCIÓN porá este ano o protagonismo no audiovisual galego chegando a proxectar as obras de máis de vinte artistas de Galicia xunto ás de artistas internacionais de Portugal e Croacia. A Fundación Luís Seoane e o espazo NORMAL acollerán este evento que presentará nesta ocasión trece estreas mundiais e cuxa programación se organizará en tres apartados: as seccións Galicia e Contemporánea, propoñen unha programación que está dedicada a artistas galegas. Por outra banda, a sección Escolas mostra a obra de artistas emerxentes galegas e doutras nacionalidades. O festival pon tamén o acento en tres focos: o da portuguesa Tatiana Macedo, Juan Lesta e Belén Montero, do colectivo DSK e a retrospectiva do audiovisual croata. Ademais o festival contará con performances e con actividades profesionais e encontros nos que participan artistas invitadas e asociacións coma A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización).

Protagonismo da creación galega
A sección Galicia, que mostra os traballos de once artistas galegos, ofrece unha vista de paxaro do panorama audiovisual do país no momento post-pandemia. O criterio das programadoras á hora de escoller que obras se proxectarán nesta sección foi o de diversidade, de modo que a selección é unha miscelánea heteroxénea coas propostas de David Fidalgo, Alberte Pagán, Judith Adataberna, Berio Molina e Alexandre Cancelo, Edu Fernández, Iria Vázquez, Olaia Sendón, Acacia Ojea, Santiago Teijelo e Diego Santomé. A sección Contemporánea é unha colaboración entre o festival e a Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia. Nela proxectaranse, da man de cinco galerías de arte contemporáneo, as obras de seis artistas audiovisuais aos que representan. Así, a Galería Vilaseco, da Coruña, presentará Sol Vermello, de Lois Patiño; mentres que dende Santiago de Compostela, a Galería Metro mostrará Horizonte, de David Catá; a Galería Nordés, Post Ford Palace 2020 (Para ninguém ver), de Rubén Santiago; a Galería Luisa Pita, Calígine, de Sandra Carvalho e Felipe Ortega e finalmente, a Galería Trinta, SUBTÍTULOS (Saber sin estudiar), de Manuel Saiz. A sección Escolas, que naceu coa vocación de incentivar o talento emerxente, mostrará as obras de Antía Carreira, Ana Chamizo y Miguel García, Pablo Aguilar, Paula Zamora, Ana Harrison, Emma Diarte, Malina Moncea, María Vérez, Mateo Villalustre, Mihai Bulai e Noemí Comesaña. As obras desta sección foron seleccionadas por un comité de selección tras a convocatoria lanzada no verán por INTERSECCIÓN baixo o título "Escolas: paraísos".
Ligazóns