Faixas do movemento feminista galego na biblioteca do Consello da Cultura. Fonte: CCG
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) presentaba este 9 de abril un novo espazo web no que difundirá materiais históricos do Movemento Feminista Organizado en Galicia. A proposta ten xa dispoñible para o público unha primeira entrega de documentación que recolle 678 documentos vencellados a 12 entidades diferentes.
Este material permite comprender, segundo a institución, "unha parte fundamental da historia do movemento feminista en Galicia a través das súas propias producións, discursos e prácticas organizativas". Deste xeito, 74 rexistros dan conta da actividade da pioneira Asociación Galega da Muller, creada en 1976, aos que se suman as delegacións da Asociación Galega da Muller de Ourense (10 documentos), a de Santiago de Compostela (136 documentos) e a de Vigo (15 documentos. Xa dos anos 80, os fondos achegan material da Asemblea de Mulleres de Arousa (12 documentos) e da Asemblea de Mulleres de Pontevedra (23 documentos).
A Coordinadora Feminista Galega (que conta 149 documentos) e a Coordinadora Feminista de Vigo (132), creadas a finais de 1979, os Grupos de Mulleres da Universidade, activos desde 1983 ata comezos dos anos 2000, con 118 documentos, ou o Colectivo de Mulleres Ensinantes do Rosa ao Violeta nado en 1989 e presente con 9 rexistros fan tamén parte da documentación presentada. O proxecto Andaina, nado arredor da revista homónima en 1983 completa, con 55 documentos, a listaxe presente nesta primeira entrega.
A colección dedicada ao Movemento Feminista Organizado en Galicia do Consello da Cultura integra materiais relacionados con máis de 200 organizacións, que se irán incorporando progresivamente á rede. Este material fai parte do proxecto Memoria en movemento, iniciado no ano 2005 co obxectivo de recuperar, conservar e poñer en valor a produción xerada por activistas e feminismos en movemento en Galicia.


