O teatro recoñece en 'Reconversión' a montaxe do ano

O espectáculo de Ibuprofeno Teatro acadou seis Premios María Casares dos once aos que optaba

| Santiago. Redacción | Seccións: TeatroEspectáculos
Compartir:
A equipa de 'Reconversión' posando tras dos premios. Foto: La Diapo

A equipa de 'Reconversión' posando tras dos premios. Foto: La Diapo

O teatro galego celebrou esta noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

Momento da Gala  Foto: La Diapo
Momento da Gala Foto: La Diapo

Reconversión é un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. Entre o íntimo e o político, o proxecto é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo. A obra ten moito de autobiográfico ao centrarse na peripecia vital do propio pai do autor, Santiago Cortegoso. A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (Santiago Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo). 

 

A 30ª edición dos premios recoñeceu tamén o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación. O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

 

A voz do sector: reivindicación desde o inicio

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán"

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: "Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, si, mesmo que se fotografen con nós, pero con decoro, con medida". Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "non nos agasallan con nada".

Que che parece esta nova?
146 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Claves