Finalistas dos XXX Premios María Casares. Fonte: AAAG
A trixésima edición dos Premios María Casares escollerá os seus gañadores entre 17 espectáculos. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) daba a coñecer este 4 de marzo a listaxe de espectáculos finalistas desta xeira. Ibuprofeno Teatro, coa montaxe Reconversión, encabeza as candidaturas, con opcións en 11 das 16 categorías na gala que se celebrará o vindeiro 8 de abril no Teatro Rosalía de Castro.
En concreto, Reconversión compite nos premios a mellor espectáculo, dirección, dirección de movemento, actor protagonista, actor secundario por partida dupla, actriz secundaria, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación e espazo escénico. Séguea, cunha categoría menos, A serie clopen, do Centro Dramático Galego, aspira a premios en dez categorías, as de espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, texto orixinal, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico, vestiario e maquillaxe.
TROMSØ, de Morraoconto, opta a sete estatuas, as de espectáculo, dirección, dirección de movemento, espazo sonoro, iluminación, espazo escénico e vestiario. Estes espectáculos conforman a terna que compite polos premios ao mellor espectáculo, á mellor dirección e á mellor dirección de movemento.
Un deus salvaxe, de Talía Teatro, opta a catro galardóns (actriz protagonista, adaptación-tradución, espazo escénico e maquillaxe) mentres que Vitória, retrato dunha denuncia, de Iria Pinheiro, pelexará por tres premios (actriz protagonista, actriz secundaria e texto orixinal). Elefante Elegante, con Alta costura, compite nos premios de actriz secundaria e vestiario, Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú pode levar os de adaptación-tradución e espectáculo infantil, e O libro da selva, de Ártika Cía aspiras aos de maquillaxe e espectáculo infantil.
Cunha única categoría están Bibopalula.O espectáculo, de Ainé (mellor espectáculo infantil); Un tal Romeo, de aRamboia (actor protagonista); Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatráis Excéntricas (actor secundario), Mala vida e pior morte de Ricardo III, tamén de Excéntricas (actor protagonista), Coa cabeza nas nubes, de SÖA (espectáculo infantil) e A metamorfose, de Sarabela Teatro (adaptación-tradución).
Na categoría de espectáculo de monicreques compiten A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina, Castelao, un corazón á intemperie, de Fantoches Baj e Gabinete Mirabilia, de Pablísimo .




